O Parlamento de Galicia acollerá este martes unha campaña de doazón de sangue

O Parlamento de Galicia acollerá este martes unha nova campaña de doazón de sangue promovida polo Centro de Transfusión de Galicia, co obxectivo de fomentar este xesto solidario e incentivar a participación dos deputados, así como dos traballadores da Cámara.

Para iso, unha unidade móbil do Centro de Transfusión de Galicia, que estará situada na entrada principal do Parlamento de Galicia, atenderá aos doadores entre as 9,30 e as 14,30 horas.

En 2013, rexistráronse en Galicia 114.126 doazóns de sangue, das que, aproximadamente, o oito por cento se corresponde con doazóns recollidas en campañas realizadas en empresas e organismos públicos.

O principal obxectivo desta campaña de doazón, segundo destaca o CTG, que achega unha unidade móbil ata o Parlamento de Galicia "é convertelo nun novo punto de referencia para o desenvolvemento periódico de campañas de doazón de sangue", despois de que nas seis visitas anteriores ata a Cámara se conseguisen 139 achegas, das cales, o 27 por cento -37 doazóns- corresponderon a persoas que doaban por primeira vez.

O CTG agradece ao Parlamento de Galicia a súa "contribución" á consecución "dun axeitado número de doazóns de sangue", recoñecemento que fai extensivo a todos os galegos que, nalgún momento, doaron sangue para posibilitar o desenvolvemento do labor asistencial nos hospitais galegos.

Te puede interesar