O Parlamento luso quere que os galegos vexan a tele portuguesa, segundo BNG

A Asemblea da República de Portugal aprobou no pasado xoves unha iniciativa a favor da recepción en Galicia das canles públicas de radio e televisión portuguesa RTP, informou hoxe o BNG nun comunicado.
A iniciativa, promovida polo Bloco de Esquerda, insta o Goberno luso a facer as xestións necesarias ante as institucións galegas e ante o Goberno español para a promoción e recepción da radio e televisión pública lusa na Comunidade galega 'como potenciadoras do espazo cultural común galaico-portugués', precisou o BNG.

A proposta forma parte do acordo acadado entre o BNG e Bloco de Esquerda no pasado 17 de xaneiro en Santiago de Compostela polo que a formación portuguesa se comprometeu a levar esta solicitude ás autoridades portuguesas.

Daquela, durante a presentación da iniciativa o deputado do BNG Bieito Lobeira asegurou que esta redundaría na relación de Galicia 'cun espazo lingüístico de 220 millóns de persoas', en alusión aos lusófonos.

Lobeira lembrou que no final da pasada lexislatura autonómica, a Xunta aprobou unha resolución defendida polo BNG para posibilitar a recepción da radio e a televisión pública de Galicia en Portugal e da RTP na Comunidade galega mais , 'despois de dous anos, o actual goberno do PP non deu un só paso para facer efectiva esta posibilidade'.

Así mesmo, o parlamentario nacionalista galego indicou que a proposición non de lei que o BNG presentou, paralelamente á do Bloco, no Parlamento autonómico tamén solicita estender e xeneralizar o ensino da lingua e literatura portuguesa nos centros educativos e rexeitar definitivamente a idea de que 'os galegos temos máis que ver con Madrid que con Portugal'.

Te puede interesar