TRAGEDIA DE ANGROIS

Pastor espera que saia "toda a verdade" tras o auto do xuíz Aláez no que critica a ADIF

Garante que Lugo "terá estación intermodal", onde chegará o AVE "nos tempos e forma" que requirimentos técnicos e económicos "o permitan".

A ministra de Fomento, Ana Pastor, volveu mostrar a "colaboración" do Goberno coa Xustiza tras o auto do xuíz Luis Aláez, que instrúe a causa polo accidente do tren Alvia acontecido en Angrois o pasado 24 de xullo, no que critica duramente a actuación dos responsables de Adif e acusa o administrador de "incrementar o risco para a vida de miles de persoas" cambiando o sistema de seguridade ERTMS polo ASFA na curva por "motivos comerciais".

"Respecto ao tremendo accidente de Angrois, o que estivemos a facer e o que facemos é colaborar coa Xustiza, respectar á Administración de Xustiza e, dende logo, poñer todos os medios á súa disposición", deste modo respondeu Ana Pastor tras ser preguntada pola prensa de forma directa sobre se alguén debe asumir responsabilidades en ADIF tras este auto do xuíz Aláez.

Así, Ana Pastor deixou claro o "único fin" que se busca é que "se saiba toda a verdade", segundo sostivo, "por respecto ás vítimas e a memoria dos que xa non están".

No último auto do xuíz, de 14 páxinas, recorda que foron os responsables de Adif os que tomaron a "decisión transcendental" de "modificar o proxecto orixinal" da liña Ourense-Santiago en canto ao ancho de vía, o que "afectou" ás instalacións de seguridade, "pasando da configuración inicial da explotación" con sistema ERTMS en toda a liña a manter este sistema ata "catro quilómetros antes do lugar do accidente", onde pasou a explotarse só con sistema ASFA.

LUGO "TERÁ UNHA ESTACIÓN INTERMODAL"

Preguntada pola chegada do AVE a Lugo, Pastor reiterou que "o Goberno de España e de Rajoy ten un compromiso con Galicia", que "é o compromiso de que a alta velocidade estea" en 2018". "Todos están a traballar para que se cumpra o obxectivo do presidente do Goberno e dicirlle que a alta velocidade a Lugo, dende logo está no PEIT (Plan Estratéxico de Infraestruturas e Transporte), no plan que aprobou a ministra de Fomento e que levou ao Parlamento e tamén nas redes que aprobamos", subliñou.

A preguntas sobre a denuncia realizada polo PSOE da paralización do proxecto da estación intermodal de Lugo, Ana Pastor resolveu: "Nós seguimos con todos os proxectos que temos en marcha", segundo dixo, como comunicou na reunión que mantivo hai días co alcalde de Lugo en Madrid. "Pero, como saben, tivemos que pagar máis de 3.000 millóns de facturas nos caixóns e facer fronte aos intereses dunha débeda de máis de 40.000 millone, estamos a inverter en Galicia, sábeo ben o presidente da Xunta", agregou.

"Dende logo, Lugo terá a estación que merece e terá unha estación intermodal nos tempos e a forma en que os requirimentos tanto técnicos como económicos permítao", ha senteciado, aínda que sen concretar prazos a este respecto.

Te puede interesar