Pontón (BNG) cre que o foro con Schaüble 'pon de manifesto a submisión do Goberno aos ditados de Merkel'

Advirte que Rajoy 'xa deixou claro que non rectificará a política suicida' que levou a cabo
A voceiro do Grupo Parlamentario do BNG, Ana Pontón, considerou que o foro no que participan tres ministros do Executivo central e titular alemán de Finanzas, Wolfgang Schaüble, 'pon de manifesto a submisión do Goberno aos ditados políticos de Angela Merkel'.

Así o manifestou preguntada en rolda de prensa coincidindo coa xornada que acolle este luns Santiago de Compostela. 'É a mostra máis clara e evidente de que quen goberna en Europa é Alemaña e o Goberno español asume con claridade as súas directrices', remarcou a deputada nacionalista.

Neste sentido, augurou que 'non veñen a negociar nada, senón a escoitar cáles son as directrices, os recortes' nesa 'política de obsesión polo déficit que está a xerar desigualdades e unha situación desesperada para miles de persoas'.

A deputada do BNG sinalou que se comprobou como 'as políticas non serviron para corrixir a situación'. 'O grave é que o Goberno español non ten vocación de cambiar de rumbo', sinalou Ana Pontón, quen criticou que, ademais, 'está a levar a cabo reformas que non puxeron' no seu programa'.

A este respecto, cualificou de 'antidemocrático' levar a cabo actuacións que son 'todo o contrario' ao que prometeron, os populares, en campaña electoral. 'Rajoy, en lugar de escoitar a Angela Merkel, ten que escoitar os miles de cidadáns, que se van volver manifestar o primeiro de maio,', advertiu e remachou: 'Debería escoitar o seu pobo e non a Angela Merkel'.

'XA DEIXOU CLARO QUE NON RECTIFICARÁ'

Ademais, preguntada polas declaracións do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, nunha entrevista a Europa Press nas que apostaba por levar a cabo 'políticas de crecemento' poderían supoñer un cambio na política estatal e galega, Ana Pontón remarcou que o xefe do Executivo central, Mariano Rajoy, 'xa deixou claro que non ten previsto rectificar a política suicida' que leva a cabo.

En canto ao presidente do Goberno galego, Ana Pontón, que compareceu coa eurodeputada do BNG, Ana Miranda, advertiu a 'incapacidade' do mandatario autonómico para 'enfrontar os problemas' de Galicia e a práctica do 'escapismo' ao 'negarse' a aclarar, por exemplo, como afectarán os recortes en sanidade e educación en Galicia.

A este respecto, reiterou a petición do BNG para que Feijóo compareza no pleno do Parlamento galego co fin de 'ter un debate', como 'mínimo', sobre as repercusións dos axustes para reducir o déficit.

Te puede interesar