O PP pídelles á Xunta e universidades un novo mapa de titulacións

O grupo parlamentario do PP defendeu hoxe unha iniciativa no Parlamento galego, que se aprobará mañá cos seus votos, en que pide que a Xunta desenvolva conxuntamente coas universidades un novo mapa de titulacións.

Na iniciativa, defendida por Román Rodríguez, o PP sostén que, partindo da autonomía universitaria, se teña en conta o Decreto 222/2011 para evitar as duplicidades e reestruturar as titulacións de "feble demanda" de xeito que haxa un novo mapa acorde coas demandas da sociedade galega.

Os voceiros dos grupos da oposición -PSdeG, AGE, BNG e Mixto- coincidiron en criticar este enunciado por entender que o PP pretende facer cumprir a través do Parlamento os desexos da Xunta para lles impor ás universidades un plan xa determinado co que non están de acordo.

Rodríguez (PP) lamentou esta posición dos grupos da oposición aos que lles dixo que saben que hai un problema no sistema universitario galego, que a Xunta traballa para solucionalo.

Segundo o voceiro de Educación do PP, o decreto da Xunta di que hai que axustar o que hai, que as universidades non poden estar á marxe das demandas da sociedade e dos sectores produtivos, e que "manter a estrutura como hoxe sería pan para hoxe e fame para mañá".

Ademais, negou que en Galicia haxa universidades privadas. O que hai é un centro adscrito a unha universidade privada, afirmou Rodríguez, que dixo que a universidade pública non lle ten que ter medo á privada, senón facer ben o seu traballo.

Os voceiros dos grupos da oposición coincidiron en cuestionar o deputado do PP por mostrar a súa preocupación pola duplicidade de titulacións na pública e non na privada e lembraron que, pese á oposición das universidades galegas, a Xunta deulle o visto e prace á adscrición do Cesuga a unha universidade privada de Aragón para impartir dúas titulacións que xa hai na pública.

Concepción Burgo (PSdeG) criticou a interferencia da Xunta no mapa de titulacións e asegurou que o seu grupo non será "cómplice de insensateces e frivolidades". Ademais, mostrou o seu rexeitamento a que o criterio para elaborar as titulacións sexa o número de alumnos.

Para o deputado de AGE Ramón Vázquez, o plan da Xunta consiste en "reducir e recortar", un argumento que compartiron e expuxeron nas súas intervencións Cosme Pombo, do BNG e Carmen Iglesias, do grupo mixto.

Te puede interesar