PESE AO APOIO UNÁNIME DA OPOSICIÓN

O PP rexeita no Parlamento recorrer a lei local ante o TC

O Parlamento de Galicia rexeitou hoxe, polos votos en contra do PP, interpor recurso de inconstitucionalidade contra a Lei de racionalización e sustentabilidade da administración local, que segundo a oposición, atenta contra a autonomía municipal e o autogoberno e potencia o papel das deputacións.


O grupo maioritario rexeitou esta iniciativa do PSdeG ao argumentar que a Xunta xa tivo un papel crítico ao facer achegas á norma e, especialmente, destacou que o Constitucional non debe ser usado como maneira de prolongar "unha diverxencia política", apuntou o deputado Román Rodríguez.

A iniciativa foi formulada polo socialista Francisco Caamaño, quen argumentou que esta lei se limita a intentar "aforrar en democracia", xa que na súa opinión non pretende reducir custos, senón o pluralismo e o control social.

Para Caamaño, esta lei estatal "pecha un fito" na historia democrática, pois na súa opinión vai contra a autonomía local privatiza servizos e "rescata" as deputacións. Alén diso, rebateu o argumento do aforro achegado polo PP para xustificar a norma tendo en conta que, insistiu, son os concellos de Madrid e Valencia os máis endebedados.


"Non imputemos a todos o que foi erro dalgúns", manifestou.

A iniciativa de Caamaño recibiu o apoio do resto de grupos de oposición, que argumentaron tamén que a lei vulnera a autonomía local e o autogoberno de Galicia.

Xavier Ron, da AGE, cualificou a norma de "fondamente ideolóxica, reaccionaria e vai contra as competencias autonómicas" ao tempo que concede máis relevancia a unha institución "anacrónica" e que, na súa opinión, ofrece campo ao nepotismo e ás prácticas corruptas, dixo.

Tamén a nacionalista Tereixa Paz opinou que a norma é "centralista, centralizadora, privatizadora" en favor do "austericidio dos servizos públicos".

Porén, o popular Román Rodríguez indicou que se trata dunha lei "oportuna, necesaria e complexa", que respecta a autonomía local, como así o ditaminou o Consello de Estado, subliñou.

O parlamentario do PP tamén afirmou que a Xunta e a Fegamp mantiveron unha actitude "critica", aínda que construtiva, ante esta norma e fixo achegas "de importancia" que contribuíron a mellorala.

Lembrou que a Xunta resolveu elaborar unha lei de medidas urxentes para clarificar esta lei estatal e adaptala ás peculiaridades de Galicia e insistiu en que nos últimos trinta anos nunca o Parlamento decidira recorrer unha norma elaborada no Congreso

Para concluír, Román Rodríguez insistiu en que intentar usar o Constitucional "como vía para prolongar a diverxencia política é unha actitude frívola".

Te puede interesar