POLÉMICA

O PP rexeita a demanda do PSdeG de retirar a suba do canon de Sogama

O Parlamento de Galicia rexeitou hoxe, cos votos en contra do PP, unha iniciativa do PSdeG que pretendía reformar a lei de residuos e deter a suba do 34% do canon da empresa mixta Sogama, que xestiona a maior parte de residuos urbanos.

A iniciativa partiu da deputada socialista Patricia Vilán, que acusou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, de "cargar sobre as familias a súa incapacidade para garantir unha nova lexislación eléctrica", xa que se eliminaron as primas ás enerxías renovables, o que levou a Sogama a encarecer o canon que cobra dos municipios para xestionar os seus residuos.

Vilán avoga por reformar da lei de residuos para converter esa empresa nunha verdadeira sociedade autónoma, modificar o plan de residuos e buscar un prezo homoxéneo o máis reducido posible, así como fixar as condicións de adhesión conxuntamente coas administracións locais.

Tamén pide o mantemento do canon unitario "sen subas" e o compromiso de modificar o plan nun prazo de seis meses.

O deputado do PPdeG Daniel Varela replicoulle que o problema da xestión de residuos en Galicia "non é lexislativo" e emprazou a Vilán a buscar un acordo e deixar a un lado a "confrontación".

Ademais, destacou as contradicións en que, segundo el, incorren os socialistas, pois pasaron, dixo, de "demonizar" a Sogama a propor agora unha "megasogama".

Te puede interesar