O PPdeG aposta pola 'austeridade' para acadar a maioría absoluta

O secretario xeral do PPdeG, Alfonso Rueda, avanzou que o obxectivo co que partirá a campaña e precampaña dos populares galegos de cara ás eleccións xerais do próximo 20 de novembro é conseguir 'maioría absoluta' tanto en senadores coma en deputados, de maneira que Rajoy logre unha 'vitoria incontestable' en Galicia.
Así o sinalou o popular con motivo da celebración onte, sábado, da primeira reunión do comité de campaña do PPdeG, ocasión na que avanzou que esta será unha 'campaña austera', xa que 'neste momento, os cidadáns non entenderían que esta campaña se basee en gastos electorais e non en propostas e imaxinación'.

Rueda informou de que a primeira decisión que tomou este comité é a configuración do equipo de traballo responsable de deseñar as propostas que dende Galicia se incorporarán ao programa electoral do PP para as próximas eleccións xerais, 'de maneira que Galicia estea presente no programa nacional do Partido Popular'.

Rueda sinalou que o PPdeG fará un balance en cada unha das provincias galegas do 'que supuxeron estes oitos anos de Goberno de Zapatero', nel porán de manifesto 'os incumprimentos do xefe do Executivo con Galicia' para 'elaborar propostas dende ese punto'.

Por outra banda, o secretario xeral do PPdeG dixo, a preguntas dos medios, que os socialistas galegos 'parecen empeñados en dar espectáculo', un feito que para Rueda evidencia que 'parece que renuncian claramente a ter a vitoria o 20 de novembro'. Neste sentido, Rueda considerou que o PSdeG 'está a pensar nun 'sálvese quen poida', xa que parece que o único importante para os socialistas é quen vai ir nunha lista ou quen vai deixar de ir'.

Te puede interesar