Preescolar na Casa reinicia a súa actividade en Galicia con 32 traballadores

O comité de empresa de Preescolar na Casa, en que están representados os sindicatos CIG, CCOO e STEG, informou de que, unha vez resolto por parte da Consellería de Traballo o ERE proposto pola fundación que xestiona este servizo, incorporáronse hoxe ao seu posto de traballo 32 persoas, mentres que outras once foron despedidas.

Nunhas declaracións á EFE, o secretario comarcal da CIG en Lugo, Xosé Ferreiro, explicou que das once persoas que causaron baixa no servizo de Preescolar na Casa, oito foron despedimentos forzosos, mentres que outros tres traballadores aceptaron 'voluntariamente' a súa saída a cambio da correspondente indemnización.

Polo tanto, só 32 persoas se incorporaron hoxe ao seu traballo en Preescolar na Casa, cuxo cadro de persoal está formado tamén por 13 funcionarios en comisión de servizos, aclarou Ferreiro.

O responsábel sindical explicou que, en calquera caso, a Fundación Preescolar na Casa só dispón de financiamento para manter operativo o servizo até o mes de agosto. Superada esa data, se non chegaren ingresos procedentes da Administración autonómica, todo o cadro de persoal será despedido.

En todo o caso, tamén anunciou que na pasada semana o comité de empresa recibiu unha comunicación da Mesa do Parlamento de Galicia para confirmar que a iniciativa lexislativa popular promovida polos traballadores de Preescolar na Casa para que a Xunta se faga cargo deste servizo 'foi admitida'.

Agora, aclarou, os promotores desta iniciativa terán que reunir 'as 15.000 sinaturas necesarias' para que entre no debate parlamentario.

Te puede interesar