O presidente da RAG afirma que 'todas as institucións deberían facer máis' para potenciar o galego

O presidente da Real Academia Galega (RAG), Xesús Alonso Montero, afirmou en Lugo que 'todas as institucións deberían facer máis' para potenciar o galego.


Momentos antes de participar nunha conferencia na Deputación de Lugo sobre a presenza do idioma galego na ciencia, Xesús Alonso Montero destacou que a 'Xunta ten a máxima responsabilidade, goberne con quen goberne' e engadiu que, 'polo tanto, sempre se pode facer máis'.

'No mapa complexo da sociedade galega o idioma galego ten áreas onde está moi vivo e potente e ten áreas onde non o está tanto. Habería que cubrir esas áreas menos asistidas', resaltou.

Segundo opinou, 'o que aconteceu dende que hai Constitución, Autonomía e Lei de normalización lingüística é que nalgún aspecto as circunstancias negativas creceron un pouco, pero as positiva tamén creceron'. 'Hoxe hai miles de novos que saben falar ben o galego, outra cousa é que o fagan habitualmente', subliñou.

Polo demais, sobre o galego e o seu uso pola ciencia, Alonso Montero recordou que antes do 36 'non había máis que tres artigos científicos, un de astronomía e dous de bioloxía en galego'. 'Despois do 78 houbo moitas manifestacións de matemáticas, de bioloxía, de física, etcétera', constatou. 'Nese sentido, nesa área avanzouse notablemente', certificou o presidente da RAG.

Te puede interesar