O profesor chinés Huang Xing recoñece o 'bo exemplo' do sistema autonómico español na súa visita a Galicia

O director do Instituto de Etnoloxía e Antropoloxía de Beijing, Huang Xing, que forma parte da delegación chinesa que estivo de visita en Galicia, destacou este martes nunha conferencia na Escola Galega de Administración Pública (Egap) o 'bo exemplo' do sistema autonómico español.
Segundo indicou no seu discurso, e tal e como recolle a Xunta nun comunicado, o profesor asegurou que a idoneidade deste sistema vén dada porque 'garante a igualdade, a cohesión e a solidariedade entre todos os territorios'.

Durante a súa exposición, o profesor abordou os problemas que existen no seu país para aplicar un sistema descentralizado en certos territorios, tendo en conta o sistema xurídico e social chinés e a súa evolución histórica. Huang Xing centrou o seu discurso nas autonomías coas competencias menos desenvolvidas, que son as que se corresponden coas rexións de etnias minoritarias.

En China existen 56 etnias que contan cunha cultura e lingua propias, das que 55 son minorías e representan o 8,41 por cento da poboación.

O profesor tamén explicou que nos últimos anos, por parte do Goberno chinés se está a intentar dar certa autonomía a estas rexións para conseguir a igualdade dos territorios e que se respecten os seus sinais de identidade.

A través dun proceso de descentralización, os chineses pretenden dotar a estas entidades autónomas dun sistema executivo e lexislativo que garanta a súa protección lingüística, relixiosa e cultural, e que lles permita administrar os asuntos económicos, educativos e tecnolóxicos dentro do seu territorio, explica a Xunta.

VISITA

A visita da delegación chinesa comezou o pasado 4 de abril e a conforma un grupo de dez investigadores do Instituto de Etnoloxía e Antropoloxía de Beijing, que pertence á Academia das Ciencias Sociais.

Os obxectivos da visita, que durará ata o próximo día 16, é darlles a coñecer as características xenerais do sistema autonómico español e mostrarlles como se puxo en marcha o estado das autonomías a través do exemplo galego.

Te puede interesar