O PSdeG reprocha ao PP que defender o medio natural lles pareza de 'frikis'

O PSdeG expresou hoxe o seu rexeitamento á instalación de parques eólicos en espazos naturais, en concreto na Rede Natura 2000, polo seu impacto paisaxístico, arqueolóxico, ambiental ou económico, e reprochou ao PP que lle pareza que os socialistas son 'un grupo de frikis que só pensamos no verde'.
A deputada do PSdeG Carmen Gallego defendeu na comisión de Ambiente unha proposición non de lei sobre as actuacións da Xunta en relación ao proxecto de parque eólico promovido pola empresa multinacional Enel Green Power España, coa denominación Pedras Negras, no espazo natural dos montes do Morrazo.

Na súa iniciativa, o PSdeG propón retirar do Plan Sectorial Eólico de Galicia a área de reserva eólica do Morrazo, declarar a incompatibilidade e inviabilidade do proxecto de Pedras Negras e retirar a declaración de utilidade pública do proxecto, tendo en conta o manifesto interese privado nel, segundo o texto.

A iniciativa, pendente de votación, contou co apoio expreso da AGE e do BNG, ao tempo que o PPdeG presentou unha emenda de substitución, que o PSdeG non acepta, en que avoga por instar a Xunta a avaliar a viabilidade ambiental deste proxecto analizando a súa compatibilidade coa preservación dos valores naturais, paisaxísticos, xeolóxicos, arqueolóxicos, etnográficos, sociais e económicos deste espazo nos montes do Morrazo.

A deputada socialista defendeu que 'o verde', o medio natural, é economía, e por iso dixo, despois da intervención do popular Santiago Freire: 'cando falamos de Rede Natura e impacto paisaxístico a vostede, se callar, parécelle que somos un grupo de frikis que só pensamos no verde'.

Porén, argumentou Gallego que a Comunidade Autónoma vive en 12% do seu PIB do turismo, con grande incidencia nas Rías Baixas, e iso é 'diñeiro', precisou, pois esa é unha das zonas con máis poboación e atractivo para quen visitan Galicia.

Ao seu xuízo, nestes momentos a Xunta está 'sen política eólica' despois de que o presidente, Alberto Núñez Feijóo, decidise que 'non lle gustaba nada da que había', e tampouco 'hai ningunha planificación a medio ou longo prazo para que a enerxía renovábel se faga con criterios racionais'.

Aludiu ao rexeitamento da cidadanía a esta instalación no Morrazo, do mesmo xeito que apuntaron os deputados do BNG Ana Pontón e da AGE Antón Sánchez, quen apoiou a proposta socialista porque a prevalencia debe ser o monte común xa que estas comunidades están facendo un 'gran traballo' perante a 'falta de colaboración' da Xunta para pór en funcionamento unha estratexia de desenvolvemento sustentábel do monte, dixo.

Por outro lado, Freire avogou por atender as conclusións de informes sectoriais e técnicos elaborados con criterios obxectivos e non 'meras observacións', pois 'o prudente non é facer xuízos previos', e garantiu a extensión de garantías de participación á cidadanía perante este proxecto.

A deputada socialista pechou o debate co apuntamento do 'grave problema' que existe en Galicia en relación á enerxía renovábel no referente á súa almacenaxe, pois non hai I+D+i 'suficiente' para mellorar neste aspecto, así como en relación ao aforro enerxético.

Te puede interesar