O PSOE di que os recortes en Educación afectarán os máis desfavorecidos

O secretario de educación do PSdeG-PSOE, Luis Edreira, afirmou hoxe que os recortes anunciados polo Goberno nesta materia 'redundarán negativamente nas clases menos favorecidas'.

Criticou a redución da ESO a tres anos, 'porque beneficia o ensino concertado', a diminución de 4 a 2 das modalidades de Bacharelato, e a non actualización dos módulos de Formación Profesional.

Nunha rolda de prensa, Edreira lamentou que 'estas medidas restritivas vaian traer como consecuencia o peche de escolas rurais' e criticou o incremento da ratio de alumnos por clase en Primaria e Secundaria, 'porque a masificación, de ata 40 alumnos, terá consecuencia directa sobre o emprego', informou o PSdeG nun comunicado.

Tamén, en relación ao ensino universitario, acusou o PP de converter a Universidade 'nunha institución de elite á que só poderán ir fillos de ricos'.

Pola súa banda, o voceiro de Educación do grupo parlamentario, Xoaquín Fernández Leiceaga, resaltou o recorte notable na política de bolsas, e o escaso apoio á produción científica e investigadora.

Ademais, anunciou o rexistro dun conxunto de iniciativas en relación aos recortes, para coñecer a opinión sobre estes do conselleiro Jesús Vázquez, ao que acusou de ser un 'hooligan' dos recortes de Rajoy.

Te puede interesar