Quintana sostén que a suba das pensións será por lei para cumprilo ’goberne quen goberne’

’É un compromiso de Goberno recollido no pacto que BNG e PSdeG asinamos hai dous anos. Por iso, como somos xente de palabra, temos que cumprir co que acordamos’. Así de taxante se mostrou o vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, ao referirse ao anuncio de incrementar as pensións máis baixas.


Quintana asegura que os técnicos de Vicepresidencia xa avalían a solución idónea para levar á práctica este complemento. ’Imos facelo por lei, para que se convirta en algo obrigado goberne quen goberne’, afirma.

Tralo debate sobre o Estado da Autonomía, no que se anunciu un incremento das pensións máis baixas de Galicia, o vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, reitera que esta medida non é unha ’simple promesa’. ’O establecemento dun complemento autonómico para as pensións máis baixas é unha medida que xa incluímos no pacto de Goberno’, lembra, ’aínda que sexa unha competencia do Goberno do Estado, o Xunta ten que contribuir no que pode para rematar cunha inxustiza xa que somos a comunidades coas pensións máis baixas’.

A intención do bipartito é que este complemento se faga por lei ’para que isto non sexa unha medida conxuntural dun goberno e se convirta en algo de obrigado cumprimento goberno quen goberne’, aclara Quintana, que espera que se poida levar ao Parlamento no 2008, tanto o complemento das pensións non contributivas (PNC), como a reforma da Renda de Integración Social de Galicia (Risga).

Os técnicos de Vicepresidencia xa están a avaliar a solución idónea para levar á práctica este complemento. ’O importante é que sirva de xeito efectivo para mellorar o poder adquisito destas persoas (en Galicia hai 52.000 receptores de pensións non contributivas, 7.500 na provincia de Ourense)’, explica o vicepresidente.

Emigrantes retornados

No proxecto de modificación da Risga incluirase a situación dos emigrantes retornados. Neste senso, o vicepresidente Anxo Quintana, recoñece que ’a Risga actual ten efectos perversos que imos a corrixir modificando os seus tramos atendendo a cuestións como a idade, os menores a cargo ou a inserción’. Así, a intención de Vicepresidencia é eliminar o límite de idade de 65 anos para poder acceder a unha Risga para aquelas persoas que estén en ’risco de exclusión social e non teñan acadados os requisitos para beneficiarse dunha pensión non contributiva’. É o caso daqueles emigrantes retornados que chegan a Galiza con 65 anos ou máis e non poden acreditar, como esixe o Estado para conceder unha PNC, dous anos de residencia no país anteriores á solicitude desta prestación.

Respecto ao traspaso das competencias de Tráfico, Anxo Quintana considera que permitirá ter os instrumentos para facer unha política de seguridade propia, ’adaptada a nós e ás peculiaridades do noso territorio’. ’Nós damos un paso á fronte, acabando cos choros e as reclamacións ao aire e adoptando unha posición positiva’, di, ’se queremos ter a transferencia de Tráfico os primeiros que debemos crelo somos nós’.

Te puede interesar