ENTREVISTA

Rafael Cuiña: “É vergoñento que perdamos a oportunidade de ter peso no Estado"

20151023_retrato_alcalde_result
photo_camera Rafael Cuiña, no seu despacho da Alcaldía de Lalín

O alcalde de Lalín,  non fala con reviravoltas sobre o futuro de Galicia.   

Rafael Cuiña, alcalde de Lalín,  non fala con reviravoltas sobre o futuro de Galicia.   
 
Cre nos milagres?
Teña en conta que eu son dunha zona que ten  a igrexa do Corpiño e non me queda máis remedio. 

Será posible entón unha candidatura unitaria das forzas políticas con sensibilidade de país?
Creo que se os actores principais desta ópera bufa por momentos se decidisen a aparcar os egos e pensaran en este país, si serían posible. 

O tempo corre e parece que terán que ir a pedir ao Corpiño.
Pois sí. A verdade é que temos ata o 6 de novembro e algúns estamos, por cuestión de responsabilidade con este país, traballando para intentar ata o último minuto que sexa posible. 

Houbo algunha posibilidade ou foi un facer que se fai?
Creo que nunca a houbo por parte dunha banda, e refírome a aqueles que fixeron acordos entre cúpulas á marxe da súa militancia e nomeadamente a Esquerda Unida, Podemos e en menor medida a Anova, porque sei que si tiña unha vontade de facer unha lista unitaria. Pero cando algúns presumen de que fan nova política e están demostrando que teñen os defectos máis graves da vella, atopámonos con situacións así. É vergoñento que perdamos a oportunidade de ter por primeira vez na historia peso na política estatal. E é por culpa dos actores de sempre. Estou dicindo todos os días que xa non valen e que teñen que dar un paso atrás e deixar camiño a unha nova xeración de dirixentes para que o galeguismo teña a oportunidade de liderar esta terra. 

Pode ser o segundo desengano que sofre con Beiras. Que pensa del e que papel cre que lle reservará a historia?
Non é ningún tipo de desengano. Si o tiven nas autonómicas, teño que recoñecelo, pero agora non porque a min pódenme enganar unha vez pero dúas non. Eu sabía que isto ía acontecer. No persoal teño o máximo respecto e aprecio polo profesor Beiras, porque sempre tiven unha boa relación. Creo que é unha persoa que vai estar con letras de ouro na historia de Galicia pola súa loita por este país, pero sempre dende a trincheira e nunca dende a xestión. No pouco que levo como alcalde xestionei máis recursos públicos que Beiras en toda a súa traxectoria política.

Sinala que os atrancos para conquerir unha lista unitaria veñen de EU, Podemos e Anova en menor medida, e destaca a xenerosidade do BNG. Non pode parecer unha deriva sorprendente nun ex militante do PP?
En absoluto. Estou en parámetros galegistas dende que teño uso de razón e vexo que o BNG por unha vez tivo un xesto renunciando as súas siglas e dicindo que estaba disposto a ir nunha lista unitaria de país á marxe dos partidos políticos. Non me consta que o BNG fixese alianza con ninguén dende as cúpulas e si que están, entre outras plataformas, en Iniciativa pola Unión con outros partidos e non se está significando como forza política. As bases de Compromiso por Galicia decidirán o que queren facer nas xerais nestos días. Somos o único partido no que as bases deciden as alianzas. Aquí si hai nova política e non en todo o que están facendo os demáis partidos políticos. 

Pero anunciou nas redes sociais que está disposto a deixar a Executiva se as bases apostan por ir nunha candidatura de obediencia estatal...
Porque eu teño que ser coherente e non podo facer unha campaña defendendo o que non creo. Terei que respectar a decisión do meu partido e dedicarme ao que con tanto orgullo estou facendo todos os días, que é ser alcalde de Lalín. 

Non será a ameaza de marchar un farol para condicionar o voto da militancia? 
Se pregunta se é un órdago á militancia, teño que recoñecer que si. É un órdago a militancia pero baseado na sinceridade. Insisto moito no concepto de nova política. Eu dígollo  a xente claramente o que vou facer en determinadas circunstancia, non vou andar con camarillas, dimes e diretes. Quero ser sinceiro sempre, creo que a xente ten dereito a saber o que os seus dirixentes van facer en calquera circustancia e iso corresponde a políticas modernas. Non estarei en camarillas discutindo nas asembleas e ocultando o que eu realmente quero dicir. Gústame ir sempre de fronte, non sempre é bo pero é a miña maneira de ser. 

Pois poñámonos no caso de que marche. A onde iría?
Pois a ser alcalde de Lalín. Parécelle pouco? É unha das vilas máis importantes de Galicia. Vou ser militante de base e dedicarme a ser alcalde  de Lalín. Teño moitísimo traballo por diante. 

Dixo que soña con ser algún día presidente da Xunta, pero...
(Interrompe) Non dixen exactamente iso. Dixen que é unha ambición lexítima de calquera que estea en política en Galicia e que no futuro non teño por que descartar esa posibilidade. O que si digo é que me gustaría un presidente galeguista por primeira vez na nosa terra, xa que nunca o tivemos. O que teño máis que decidido e anunciado, se os cidadáns de Lalín así o queren, é estar un máximo de oito anos na alcaldía e despois  o futuro deparará outra serie de cuestións ou non. 

Pero para cumprir esa ambición lóxica é necesario un partido. Será CxG?
Non hai dúbidas. Digo completamente en serio que Compromiso é un dos partidos que dende a nova política máis futuro ten nesta terra. Gustaríame que no 2020 o presidente galeguista desta terra sexa algúen de Compromiso por Galicia. 

Ve no PP algunha sensibilidade galeguista como a que predicaba seu pai, José Cuiña?
Unha persoa que aprecio moito como Manuel Baltar cónstame que o intenta e que ten un pensamento claramente galeguista ou ourensanista, se quere, pero está nunha organización inimiga de todo isto. No futuro, se persoas como Baltar teñen a posibilidade de dirixir o PPdeG pódense abrir outros escenarios. 

Te puede interesar