PARLAMENTO GALEGO

Unanimidade para reformar a lei e evitar quitas nas preferentes

Os grupos con representación no Parlamento galego aprobaron o ditame dunha proposición lexislativa, que reformará a lei estatal para que aos pequenos aforradores non lles sexan aplicadas quitas.

O pleno do Parlamento aprobara unanimemente no pasado maio esta proposición non de lei do BNG, que persegue mudanzas na lexislación estatal, de maneira que se poida conseguir a devolución íntegra do valor nominal das preferentes e outros produtos híbridos.

Nesta mañá, a Comisión de Economía da Cámara deu o visto e prace ao ditame desta reforma lexislativa co apoio de todos os grupos, polo que agora fica o trámite do seu debate no pleno.

Tamén foi rexeitada unha emenda do socialista José Luis Méndez, polos votos en contra do PP, que procuraba que se limiten os procedementos de embargo sobre os bens dos afectados, polo menos até o límite dos importes que teñen bloqueados no procedemento de produtos híbridos.

O portavoz do BNG, Francisco Jorquera, lembrou que coa proposta o BNG procura unha saída xusta aos millares de pequenos aforradores vítimas da "estafa masiva" das preferentes e indicou que o acordo a que se chegou no relatorio foi un paso positivo nesta dirección aínda que, como en todo acordo, o seu grupo tivo que renunciar a que se cumprisen a totalidade das súas pretensións.

En todo o caso, trátase dun "bo acordo", dixo Jorquera, que destacou que o texto acordado propón modificar a Lei de reestruturación e resolución das entidades de crédito, que establece unha quita aos posuidores de instrumentos híbridos de capital e débeda subordinada, de forma que sexan excluídos dela os pequenos aforradores.

O texto di explicitamente que terán dereito á recuperación das contías investidas sen perda ningunha e aclárase que para iso son considerados aforradores quen teñan a condición de clientes polo miúdo, a diferenza dos profesionais, aos que se lles presume cualificación para valorar os riscos destes produtos.

A iniciativa, despois do acordo alcanzado, prevé que non teñan perdas os aforradores que fosen obxecto de accións por parte do FROB, tanto se acudiron ao procedemento de troco como se se viron forzados á conversión en accións.

Por tanto, dixo, suporía a recuperación das contías investidas que se produciría a pesar dos acordos adoptados polo FROB antes da entrada da proposta de modificación.

Entre tanto, o popular Pedro Puy indicou que a iniciativa está xa tramitada de acordo co principio da maioría, a pesar de que inicialmente foi presentada polo BNG e pretende dar solución ao problema con propostas "en positivo".

O dirixente popular sinalou que o das preferentes é un dos asuntos "máis graves e escandalosos que viviu o noso país", xa que as entidades financeiras colocaron aos retallistas preferentes "con enganos" e fixérono para salvar as súas contas.

"Para engadir máis gravidade ao asunto", houbo un "peloteo" entre o Banco de España e a CNMV sobre quen era o responsable de controlar estes produtos, polo que non foron fiscalizados e milleiros de persoas víronse atrapadas nesta "estafa".

Despois de destacar o "firme compromiso" do PP en que os estafados recuperasen os aforros e citar que Galicia foi a primeira CA que recorreu á arbitraxe, Puy sinalou que aínda non hai un resultado totalmente satisfactorio, xa que 97 por cento do total de clientes, uns 73.000, recuperou unha media de 84 por cento.

Mais, apuntou, trátase de que sexa recuperado cen por cento dos aforros de quen foron enganados.

O socialista José Luis Méndez insistiu en que aínda miles de aforradores teñen "atrapados" os seus fondos, "máis alá das boas palabras" do PP e aínda hai en Galicia un elevado número de persoas que non teñen solución.

Na súa opinión, está demostrada a "falta de controis" que deberían facer as autoridades de supervisión, polo que os preferentistas precisan unha solución coa reforma que esta lei aborda "nalgún dos seus puntos".

Te puede interesar