Romay Beccaría: 'Eu tampouco sabía quen era Marcial Dorado'

O presidente do Consello de Estado, José Manuel Romay Beccaría, defendeu nesta mañá a honorabilidade do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e asegurou que el 'tampouco sabía quen era Marcial Dorado'.
Romay fixo estas declaracións á prensa nesta mañá na Coruña, ao ser interrogado polas fotos en que Núñez Feijóo aparece xunto ao narcotraficante Marcial Dorado, e malia que o seu chofer na súa etapa á fronte da Consellería de Sanidade era Manuel Cruz, posteriormente condenado por ser home de palla de Dorado.

'Teño un concepto marabilloso de Alberto Núñez Feijóo e non o perdín por estes episodios', subliñou Romay nunhas declaracións aos xornalistas durante o almorzo informativo organizado pola Asociación da Prensa da cidade herculina.

Romay defendeu en todo momento a actuación de Núñez Feijóo durante a súa etapa a mediados dos 90 como número dous da Consellería de Sanidade que el mesmo dirixía.

'Estou seguro de que non fixo ningunha parvada', asegurou o presidente do Consello de Estado, quen, aínda que non puido seguir na súa totalidade a comparecencia do presidente galego no Parlamento, mostrouse 'conforme' con ela.

Defendeu a actuación de Núñez Feijóo quen, subliñou, cortou a relación con Dorado 'sen coacción externa' e mesmo puxo o seu cargo ao dispor do naquel momento presidente da Xunta, Manuel Fraga, unha actuación de 'persoa honorábel' da que el non era coñecedor.

Romay asegurou que este asunto non pasará factura a Núñez Feijóo xa que a xente entenderá o ocorrido e primará a súa 'excelente executoria' á fronte da Xunta antes que as 'insidias'.

Te puede interesar