Unha sentenza do TSXG anula a relación de postos de traballo aprobada en 2008 polo Concello de O Carballiño

A sala do contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) ditou unha sentenza que 'anula por non conforme a dereito' a relación de postos de traballo (RPT) aprobada por acordo do pleno do Concello de O Carballiño (Ourense) o 27 de marzo de 2008, cando o socialista Carlos Montes dirixía a Casa do Concello.
A sentenza estima un recurso presentado pola CIG que, nun comunicado, subliñou que o TXSG avala as súas denuncias de que este acordo se adoptou de forma 'unilateral e non negociada' coas centrais sindicais, ademais de ser unha RPT 'á carta' e 'discriminatoria' coa 'maioría' dos traballadores do Concello.

Así as cousas, a CIG entende que se constatou 'unha vez máis' que os que 'incumpren' adoitan ser os que 'gobernan' e non os sindicatos nin os traballadores que neste caso tiveron que soportar unha situación 'ilegal de feito' e que, tan só catro anos despois, 'se pode restaurar en parte'.

A central sindical advertiu de que, nos últimos anos, 'case non hai en concello na provincia de Ourense' que se libre 'dunha condena xudicial' por actuar 'irregularmente' en materia de dereito laboral e sindical.

'E enriba agora o Goberno de Rajoy dálles a coartada perfecta aos incumpridores para seguir na vía do atentado aos dereitos sindicais e dos traballadores, cunha reforma aberrante que levará ás relacións laborais do Estado ao século XIX', lamentou.

Te puede interesar