“Con sentidiño e bos exemplos, os galegos entenderán a soberanía'

Xavier Vence, o Paul Krugman galego como lle di moita xente aínda que hai teses que non comparte, non aspira a gañar o premio Nobel, pero si a ser portavoz nacional do BNG logo da Asemblea que se celebra hoxe. Catedrático de Economía Aplicada, discípulo de Xosé Manuel Beiras, xenro do histórico Camilo Nogueira, mergúllase,,'por responsabilidade e tras pensalo moito', na primeira liña política para dar un novo pulo ao BNG. 'Quero manter a miña paixón académica e investigadora. Tamén é certo que nos tempos que corren e sen dar pábulo ao discurso da antipolítica que promove a dereita, debe ser normal poder compatibilizar as dúas cousas.
No BNG temos esa sorte de bicefalia entre o portavoz do BNG e o parlamentario', confesa.

Unha militante do BNG dixo o outro día que logo de Beiras o mellor portavoz que pode ter o BNG e Xavier Vence... Moito dicir?
É un orgullo escoitar iso pero cada tempo ten as súas circunstancias.

Xa que fala de tempo e circunstancias, en que se diferencia Beiras, Quintana e Vence?
Dun mesmo non é bo falar e menos cando estamos en proceso asembleario para ser elixido. Do pasado, son tres personalidades completamente distintas, tanto no persoal como no perfil político e sería moi longo entrar en detalles.

Xa está metido no traxe de político, esquivando preguntas...
(Risas)

Falou da sorte da bicefalia. Estaría disposto a ser o candidato a presidir a Xunta ou é moito apurar?
Eu de momento son candidato a ser portavoz nacional do BNG e xa me chega. Está establecida a bicefalia e non hai moito que falar desa cuestión.

En que vai mudar o BNG?
Nos relatorios desta Asemblea van varias ideas, tanto de acción política para incrementar a presenza do BNG na sociedade a través dos movementos sociais.; incrementar o papel nas institucións neste momento de desacougo das familias e tamén vai mudar no acento dun amplo programa de pedagoxía social pola soberanía. Pretendemos que a sociedade participe nun debate para facer propostas á crise económica. E van mudar cousas a nivel interno no sentido de reforzar as estruturas e tamén o estilo para recuperar unha dinámica cooperativa e aumentar a cohesión do proxecto común. Tamén estableceremos vínculos que permitan xerar maiores complicidades coa cidadanía.

Di máis cohesión e xusto cando o BNG ‘ficha' a un portavoz que todo o mundo destaca a súa solvencia académica, Carlos Aymerich renuncia a acta de deputado e da un paso atrás na fronte. Non llo poñen moi fácil a Feijóo?
Non favorece en absoluto o discurso distes días de Carlos Aymerich. Ten lexitimamente diferencias de matiz, creo, coa liña política, pero no esencial é difícil obxectivar grandes diferenzas. A Feijóo favoréceselle en exceso cando se lle trasladas a cidadanía as liñas políticas do BNG que non se corresponden coa realidade. Ese tipo de deformación e esaxeración de apostas que facemos poden distorsionar o verdadeiro discurso do BNG neste momento. El terá as súas razóns e ou as respecto.

Cre que é posible que en Galicia calle a proposta soberanista. Semella que con soberanismo ata o Dépor e o Celta seguirían en Primeira. En que melloraríamos?
(Rise) Queremos introducir o soberanismo no debate político por moitas razóns. Se queremos que os mercados non diten as liñas de política económica, é necesario que a sociedade se empodere, e para iso é necesario reconquistar soberanía. Hoxe é a condición para superar a crise do neoliberalismo. No caso de Galicia é evidente que hai unha serie de decisión que afectan a nosa vida económica e a dos sectores produtivos que se están decidindo fóra, como a política agraria común, o relacionado co sector naval, os orzamentos, o sistema financieiro... As competencias de autogoberno están sendo laminadas e Galicia ten que saír en defensa dos seus intereses. Se un o fai con sentidiño é con exemplos concretos que evidencian as cousas, pois os galegos, que parvos non son, van entender a importancia de reivindicar moito máis autogoberno, e dendo o noso punto de vista, a soberanía para gobernarnos sen interferencias externas.

Din que poden invitar a correntes idependentistas a formar parte da fronte. A labor didáctica sería máis complicada...
É unha das informacións que vin estos días pero diso non hai nada. O BNG propón a sociedade abrir un debate sobre o soberanismo e invitamos a que participen toda a xente que queira participar e están invitados todos, tamén os que vostede di. Non é que se vai a integrar dentro do BNG ningún grupo político. Non se ten falado e non está na axenda neste momento.

Yolanda Díaz dixo que “á esquerda ou é mestiza ou non vai ser'. Sería posible unha Syriza galega tamén co BNG?
Grecia non ten problemas nacionais e nós estamos dispostos a dialogar para colaborar con todas as forzas que teñan como centro da súa actividade política Galicia, sen depender de forzas estatais. Como nacionalistas, un dos eixos da loita política ten que ser a reivindicación da soberanía e o dereito a preservar a diferenza. Só con esas forzas será posible o entendemento. Outra cousa é que no traballo social haxa unha unidade de acción para combater políticas neoliberais, como xa facemos.
Do ‘Atraso económico de Galiza' de Beiras ao ‘O fracaso neoliberal na Galiza' de Vence... Como alumno aventaxado, cre que con vostede Beiras podería volver ao BNG?
Non son capaz de vaticinar o futuro. A corto prazo, logo da ruptura recente, posiblemente sexa difícil de imaxinar. O interese é traballar con xenerosidade pola reunificación do nacionalismo e polo seu afortalamento. Dendo o BNG imos facer todos os esforzos para cando menos establecer pontes e no futuro xa se verá cal é esa evolución.

Tamén critican que no BNG seguen a mandar os mesmos ou o mesmo...
Todo o mundo e libre de dicir o que considere oportuno, pero no BNG, máis que noutra organización calquera, manda a militancia. Hai moitos mitos sobre a cuestión.

Te puede interesar