Sindicatos médicos rexistrarán unha xornada de folga para 16 de novembro

A organización sindical médica CESM-Galicia anunciou que hoxe rexistrarán unha xornada de folga para o próximo 16 de novembro, aínda que podería non levarse a cabo se frutificaren as conversacións que manteñen con responsábeis do Sergas.

Nunhas declaracións á Efe, o doutor José Víctor Crespo indicou que a folga se debe rexistrar para que se cumpran os prazos estabelecidos de polo menos 10 días de anticipación e 'porque non pode ter máis atrasos, senón estaría enriba das eleccións e non queremos que nos digan que o estamos facendo con motivos electorais'.

Nesta mañá, delegados sindicais dos centros hospitalarios e de atención primaria de Galicia concentráronse ante as instalacións da Consellería de Sanidade, para rexeitaren os 'recortes' da Xunta, entre os que mencionan unha taxa de reposición de 10 por cento das baixas e xubilacións.

Os médicos tamén piden á Xunta que todas as decisións que se tomaren e que afectaren directamente á sanidade galega en función da crise, deberán ser consensuadas mediante unha negociación co colectivo de facultativos.

Ao saír da reunión coas autoridades do Sergas, Crespo criticou que a Administración nin sequera se dera por aludida das continuas manifestacións e asembleas realizadas polo persoal de saúde onde anunciaban as 'consecuencias' no caso de que non se abrisen as vías de negociación.

'Non quedamos en absoluto satisfeitos, porque está claro que a Administración está nunha realidade completamente diferente a nós. Está claro que eles están no despacho e nós estamos nas consultas e, polo tanto, os puntos de vista que eles poden ter parece que difiren bastante de nós', expresou o Crespo.

Crespo engadiu que os responsábeis do Sergas lles dixeron que non se abriría ningún tipo de negociacións se previamente o gremio médico non comunica por escrito os puntos que deben ser tratados nesas negociacións e indicou que a Administración continúa cunha 'actitude negativa'.

'Nós comprometémonos en facerlles chegar cales son os temas que hai que tratar, mais eles pola súa parte contestáronnos que deles dependería se a abrían ou non. Iso quere dicir que se o que propomos lles gusta ben e se non lles gusta, pois imos continuar exactamente igual', sostivo.

Pola súa banda, o doutor Cándido Andión, presidente do CESM chamou á sensatez por parte do Sergas para chegar a acordos co gremio médico, porque 'indubidabelmente hai unha serie de incumprimentos e recortes da Administración aos que se pode dar prioridade tamén'.

Te puede interesar