Telmo Martín ratifica a súa dimisión como concelleiro do grupo municipal do Partido Popular de Pontevedra

Foto: Archivo
Telmo Martín ratificou este luns a súa dimisión como voceiro e concelleiro do grupo municipal do Partido Popular de Pontevedra, un cargo que deixa tras un período de case seis anos dirixindo a actividade do equipo dos 'populares' no concello.
'Eu voume porque creo que, baixo o meu punto de vista, se te presentas dúas veces no mesmo sitio, polo mesmo posto, e non o consegues, non debe haber unha terceira', sinalou.

O anuncio realízase tras varios meses apartado a un segundo plano na política municipal e ratifica o anunciado polo propio Martín tras non lograr a alcaldía de Pontevedra nas últimas eleccións municipais, na segunda ocasión que se presentaba. 'Chegou o momento de facer o que anunciara', sentenciou.

Martín González asegurou estar 'moi satisfeito' polo traballo desenvolvido nos últimos anos dende a oposición municipal, aínda que entende que é o momento de presentar a súa renuncia como xefe de filas da oposición.

Será o actual vicevoceiro, Jacobo Moreira, tamén deputado no Parlamento galego, quen se faga cargo de dirixir o grupo. 'É unha persoa sobradamente preparada, que xa demostrou estar capacitado para o cargo nestes últimos anos', indicou Telmo Martín, que, pola súa banda, seguirá á fronte da presidencia local do Partido Popular, cargo que compaxinará co seu labor no Congreso.

Coa renuncia de Telmo Martín á súa acta de concelleiro, que formalizará o martes, entra na corporación pontevedresa o número 13 da candidatura, César Abal, presidente de Novas Xeracións de Pontevedra.

REACCIÓNS

O voceiro do goberno municipal de Pontevedra, Raimundo González, confesou sen reparos que 'non botarán de menos' ao xefe do PP local, Telmo Martín, 'pola súa forma de facer política, que dificultaba as relacións entre o goberno e a oposición'.

Pola súa banda, o tenente de alcalde, o socialista Antón Louro, demandou a Telmo Martín 'que cumpra os seus compromisos con Pontevedra no congreso dos deputados' e ao Grupo municipal do Partido Popular que, agora que Telmo o deixa, 'que se aclaren na súa forma de facer política e que fagan propostas útiles'.

Pola contra, o presidente provincial do PP de Pontevedra, Rafael Louzán, subliñou o 'extraordinario traballo' realizado por Telmo Martín nos anos que leva á fronte do partido en Pontevedra. 'Un traballo reflectido nas súas propostas, no labor realizado dende a oposición e sobre todo, nos resultados electorais, porque non podemos esquecer que Telmo Martín gañou nas dúas convocatorias electorais ás que se presentou, aínda que os pactos entre perdedores feitos a posteriori lle impediron gobernar', apostilou Louzán.

Te puede interesar