Escritora

Teresa Moure: ‘A globalización traerá empobrecemento cultural e lingüístico sen retorno’

Teresa Moure, escritora e profesora galega.
Teresa Moure (Monforte, 1969) é narradora, dramaturga e ensaista. E moito máis. Activista contra a homoxeneización cultural e do movemento contra a globalización...
Teresa Moure vai por libre nunha vida que escapa de marcas e etiquetas; esa procura constante da liberdade non é meditada, nin forzada; é tan natural coma a súa ansia por comunicar. Licenciada en Filoloxía na Universidade de Santiago de Compostela, doctorouse en Lingüística Xeral cunha tese na que investigaba a indefinición das fronteiras nas categorías lingüísticas. Das bancadas pasou ó estrado e exerce a docencia nas facultades de Filoloxía e Filosofía. Alumnos seus din que é unha profesora diferente, que aporta algo que outros non ofrecen. Hai conexión e reciprocidade; para Teresa Moure, os seus alumnos son ‘un grupo de seres alucinantes, que teiman en facer de min un ser que ame a linguaxe’.

Ademais de gañar a confianza dos seus alumnos, conquista a cada vez máis lectores. Desde que en 2004 publicou a súa primeira novela breve (A xeira das árbores), na que debuxaba con trazos firmes un primeiro retrato da súa literatura comprometida, non deixou de colleitar eloxios e premios: o Lueiro Rey de novela curta e o Arcebispo San Clemente abriron a listaxe de recoñecementos.

Despois virían As palabras da fillas de Eva (2003) e Outro idioma é posible: na procura dunha lingua para a humanidade (2005), que recbiu o premio Ramón Piñeiro de Ensaio. Coincidindo coa publicación de Herba moura (2005), traducida a cinco idiomas en cuestión de meses, foi galardonada pola Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) e colleitou o Premio Xerais e recibiu o galardon da Irmandade do Libro á autora do ano.

Os últimos recoñecementos chegáronlle con Benquerida catástrofe (2007) e Unha primavera para Aldara (2007), que supuxo a súa estrea no xénero teatral; foi Premio Rafael Dieste en 2007 e este ano obtivo sete dos nove premios María Casares ós que optaba.

Nun texto autobiográfico asegura que non lle gusta mirar cara a atrás porque non sempre se recoñece no que foi pasando na súa vida. Por que? Non ten pinta de ser das persoas que se arrepintan.

Todas as persoas arrastramos as cicatrices da existencia. Cando me instaron a escribir unha autobiografía non puiden deixar de pensar nos espazos irrecuperábeis dos que xa non están, do que non volverá ser... Por suposto que hai algo de arrepentimento... E de morriña.

O que máis lle gusta, segundo di, é poñer o mundo patas arriba. Cando foi a última vez que o fixo (o de poñer o mundo patas arriba)?

A frase, fóra de contexto, soa grandilocuente. En realidade, eu síntoa dun xeito máis humilde. Entre todos, colectivamente, poñemos o mundo patas arriba cada vez que revisamos as nosas rutinas, cando nos negamos a aceptar convencións opresoras, por minúsculas que sexan, na nosa vida diaria.

De onde lle vén esa vocación de rebeldía?

A rebeldía nace do pensamento; noutro caso sería pura arroutada. Neste momento histórico sermos rebeldes é resultado da identificación cos oprimidos, que son lexión.

Atopa na creación literaria a mellor canle para expresar o seu pensamento alternativo?

Cando menos nesta tempada da miña vida está a ser unha das canles máis efectivas. Non sei se a mellor mais, desde logo, non a única. Tamén me expreso moi profundamente nas aulas, por exemplo.

Escribiu a súa primeira novela en 2004. Por que tardou tanto en escribir/publicar? Tanto?

Non tardei tanto. A salvo dalgunhas excepcións, non se adoita publicar algo tan estruturado e tan complexo como unha novela moito antes. Canto á escribir, levaba facéndoo desde cativa.

E despois foi un non parar. Hai algunha explicación?

Algunhas circunstancias per soais empuxáronme para dar a coñecer o que estaba facendo e experimentar coa posibilidade de me comunicar co público. Non pretendo ser unha escritora profesional, daquela penso simplemente en manter este acto de comunicación durante un tempo.

Escribir... e recoller premios. Ten un estilo complexo pero que goza do apoio de crítica e público. Cal é o motivo polo que, baixo o seu punto de vista, hai tan boa conexión cos lectores e lectoras?

Xa lle dixen antes que non comento a miña obra. O meu cometido é escribila; os demais están en mellor disposición para a comentar.

Ademais de escritora, é investigadora e ensaísta. Na súa obra O natural é político reflexiona sobre a universalidade e a diversidade lingüística. Hai risco de homoxeneización?

Abofé que si. Os especialistas levamos anos avisando de que a diversidade lingüística do mundo está a se reducir a un ritmo sen precedentes. De non pararmos este proceso de globalización, padeceremos un empobrecemento cultural e lingüístico sen retorno e en absoluto enriquecedor.

En Galicia, creouse un problema onde non existía (en materia lingüística)?

Non se creou porque xa estaba. Non é unha novidade a existencia de conflito lingüístico. O problema radica en que, tal é como se está a xestionar politicamente, se está abrindo unha fenda que secciona a nosa sociedade en dous grupos irreconciliábeis, o cal xa é desestruturador.

Está en perigo o galego?

Está. Coas tendencias xerais que se dan no mundo da globalización capitalista, o galego precisa unha política de protección e promoción que é todo o contrario do que se está a propor desde o actual goberno, onde se intenta presentar o tempo dedicado a perfeccionar o coñecemento do noso idioma nacional como unha pexa que impedise abrir a mente ao universo. Están a dicir que a nosa cultura limita... Ningunha cultura limita porque non existen os nativos da internacionalidade: ao contrario, só recoñecéndonos como galegos e galegas poderemos ser universais.

Que lle parece que a Xunta estude a posibilidade de separar os rapaces en función do idioma?

Un proxecto abominábel, que demostra unha absoluta ignorancia en materia lingüística mais tamén en habilidades sociais, de creación de redes e solución de conflitos.


Te puede interesar