Este xoves celébrase a terceira e última sesión deste proceso con xurado popular

Testemuñas non poden situar no momento nin no lugar o acusado do lume no que morreron dúas mulleres

Na segunda sesión do xuízo que se celebra na Audiencia Provincial de Pontevedra contra Serafín P.P., acusado de ser o autor dun dos lumes máis desvastadores que se produciron en Galicia durante o ano 2006 e no que morreron unha muller e a súa nai, ningunha testemuña puido situar o acusado nin no momento nin no lugar onde se orixinou o incendio.
O xurado popular escoitou ao longo da mañá deste mércores os testemuños de 13 persoas, entre elas dous axentes do Seprona de la Guardia Civil que investigaron o lume.En primeiro termo, e ao igual que sucedeu na xornada do martes, compareceron os veciños do acusado, que lle describen como un alcohólico indixente que sobrevive coa Renda de Integración Social (Risga) e grazas á caridade dos seus conveciños, que lle regalan comida, lle contratan para algún labor agrícola e mesmo lle cederon a casa en ruinas na que reside. Non obstante, todos eles dubidaron ante o tribunal que fose o responsable do terrible incendio.

Os que lle viron aquel día, dous veciños do acusado, os irmáns Aurelio e Carolina Vanesa Seija Silva, que circulaban pola estrada provincial na que se orixinou o lume, sitúanlle camiñando por ese mesmo vial cara ao bar, nun punto afastado e en dirección contraria ao lugar de orixe do lume e con este xa iniciado.

FAMA PERO SEN TESTEMUÑAS
Durante os restantes interrogatorios, o fiscal preguntou aos veciños pola suposta fama de incendiario do home, un rumor estendido entre a xente da zona e do que a Garda Civil tiña coñecemento, aínda que ninguén dixo ser testemuña desta conduta.

Pola súa parte os axentes do Seprona que investigaron o caso explicaron que o seu traballo se iniciou un mes antes do terrible suceso a raíz da denuncia presentada por Serafín P.P. contra dous veciños, un deles menor de idade, por supostamente queimarlle unhas matogueiras diante da porta da súa casa, aínda que retirou a denuncia pouco despois alegando que mentira. Un dos denunciados foi a testemuña que o viu pola estrada, Aurelio Seija.


Esta denuncia, os testemuños dos veciños e a fama de incendiario que tiña, levaron ao Instituto Armado ata Serafín P.P. que ao ser detido recoñeceu voluntariamente, primeiro ante os axentes na Comandancia da Garda Civil e máis tarde no xulgado de A Estrada, que ese día prendeu lume a unhas matogueiras, e sinalou nun plano a orixe das lapas na marxe dunha estrada comarcal no lugar de Serrapio, en Cerdedo.

'Dixo que non quería facer mal, que era para limpar a cuneta. Que non quixo facer dano', declarou un axente da Garda Civil que afirmou que o acusado 'é unha persoa que infunde pena'.

VÍTIMAS MORTAIS
Na sesión desta mañá tamén declarou Ana Masó, filla e neta das dúas mulleres falecidas cando as lapas saltaron á estrada xeral e sorprenderon o coche no que viaxaban.

O comandante da Garda Civil presente no operativo explicou que sobre as 18.30 horas da tarde daquel día, primeiro cortaron o tráfico en dirección a Pontevedra e uns minutos máis tarde a el se lle ordenou cortar en dirección a Ourense. Fíxoo, pero algúns coches circulaban aínda por ese tramo de estrada. 'A miña sorpresa foi ver como había un coche aí', expuxo.

O coche que viu este garda civil era conducido por José Luis Muradas quen, malia que 'non se vía nada co fume' e era 'como conducir de noite', segundo relatou este mércores, aínda así puido dar a volta e, conmocionado, alertar os axentes da presenza dun vehículo en lapas.

O propio comandante acudiu a comprobar a presenza deste segundo vehículo que estaba nun tramo morto de estrada contra unha valla á altura de Dorna, en Cotobade. 'No chan había dous corpos, un abrazado ao outro', detallou.

FINAL DO XUÍZO
Este xoves ás 10.00 horas celebrarase a terceira e última sesión deste xuízo contra o indixente de 57 anos acusado de ser o presunto autor do incendio forestal.

A acusación particular, exercida polo avogado das fillas das dúas mulleres falecidas, eleva a súa petición de condena a 25 anos, a razón de 15 anos por un delito de incendio con grave risco para a vida e 5 anos de prisión por cada un dos dous delitos de homicidio imprudente. Ademais solicita unha indemnización de 350.000 euros polas dúas vítimas mortais.

Pola súa parte, o Ministerio público e a letrada que defende os intereses da Consellería de Medio Rural piden cinco anos de prisión para Serafín P.P., xa que entenden que existe un concurso de dous delitos de homicidio imprudente e piden 18 meses de multa, ademais dunha indemnización de 90.000 euros aos familiares das vítimas e outra de 263.160 euros á Xunta, correspondente ao importe dos medios empregados durante nove días para a extinción do lume que arrasou unhas 14.000 hectáreas.

Te puede interesar