Valença prepara en Lugo a candidatura da Fortaleza a Patrimonio Humanidade

Unha representación do municipio luso de Valença do Minho viaxou hoxe a Lugo e mantivo un encontro con responsables do Goberno local para preparar a candidatura da súa fortaleza a Patrimonio da Humanidade e coñecer o traballo realizado na capital lucense para conseguir a declaración da Muralla romana.

Ata Lugo desprazouse unha delegación encabezada polo responsable local de Cultura, José Temporao Monte, que viaxou acompañado por dous membros do gabinete de Presidencia da Cámara de Valença do Minho, así como polo arquiveiro e pola arquitecta municipais.

Por parte do Concello de Lugo foron recibidos na Casa Consistorial polo tenente alcalde e responsable de Cultura e Turismo e a concelleira delegada de Infraestruturas, os nacionalistas Antón Bao e Paz Abraira, respectivamente.

No transcurso da reunión, os membros da delegación lusa interesáronse por todo o proceso para conseguir que a Muralla romana fose declarada Patrimonio da Humanidade pola UNESCO, xa que Temporao Monte asegurou que 'Lugo é o principal referente' nos traballos que están levando a cabo en Valença para conseguir o mesmo recoñecemento para a súa fortaleza.

O responsable de Cultura do municipio portugués explicou que, nas dúas últimas décadas, diversos gobernos locais valoraron a posibilidade de presentar a candidatura ante a UNESCO, pero finalmente será o próximo ano cando o monumento pasará o exame deste organismo internacional.

Pola súa banda, os representantes do Goberno local comprometéronse a facilitar futuros contactos cos técnicos e coas personalidades lucenses que participaron activamente na consecución dese recoñecemento.

Despois da reunión, Antón Bao acompañou a representación lusa a visitar o Centro de Interpretación da Muralla durante un percorrido polo adarve. Tamén aproveitou para mostrarlles a piscina romana de Santa María e as obras de restauración da catedral.

Te puede interesar