O socialista acusa ao 'popular' de 'empufar en dous anos o mesmo que nos 29 anteriores'

Vázquez: 'Feijóo endebedou a Galicia en 3.500 millóns'

O secretario xeral do PSdeG, Manuel Vázquez, cuestionou as críticas do presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, ao seu homólogo estatal, José Luis Rodríguez Zapatero, por 'mellorar o financiamento municipal', ao tempo que lle acusou 'de endebedar' a Galicia en 3.500 millóns de euros en dous anos, 'tanto como todos os gobernos anteriores en 29'.
Vázquez censurou que Feijóo use máis 'a palabra Zapatero que a palabra Galicia' e recordoulle que, antes de cuestionar as medidas do Goberno central, debería recordar que, ata a chegada de Feijóo á Xunta, a 'débeda' era de 3.500 millóns de euros e que, neste primeiro ano de mandato vai deixar á comunidade con 2.100 millóns máis de endebedamento.

'E este é o mesmo que presume de xestor avanzado; o mesmo que en case dous anos de mandato endebedou a Galicia o 70 por cento máis do que se endebedou a nosa comunidade nos últimos 29 anos', ironizou o dirixente socialista. Así as cousas, explicou que Feijóo remata de anunciar 3.000 millóns máis de 'endebedamento' en financiamento público-privado entre 2000 e 2014. 'E se o dividimos en dúas metades e contamos o que corresponde a 2010 e 2011, vemos que a débeda da que falamos se incrementa en 1.500 millóns máis', engadiu. Deste modo, subliñou que 'se se suman as cifras', se pode concluír que Núñez Feijóo, ao cumprir dous anos de mandato, terá 'endebedada' a Galicia 'nun 115 por cento', multiplicando 'por máis de dous' a débeda xerada dende que existen gobernos democráticos.

Por iso, acusou a Feijóo de 'empufar' a Galicia e de levar a débeda da comunidade 'ata límites insostibles'.


'PAGAR NON É MALO'

'E todo iso para non facer nada, porque se cae a licitación de obra pública e recorta presupostos en educación e sanidade, ¿onde gasta o diñeiro?', preguntouse. Ademais, subliñou que 'soa fatal' que o presidente dun Goberno sexa 'o primeiro' en dicir que 'non vai pagar' unha débeda, en alusión á devolución dos anticipos do financiamento autonómico, porque -interpretou- envía 'a mensaxe de que non pagar non é malo'.

Te puede interesar