Villares promete "un rural vivo, de cor verde intensa"

636076408346143722w
photo_camera As liñas maestras de En Marea para o mundo rural: a posta en valor do monte, o reforzo da prevención e unha reconsideración do sistema de extinción dos incendios forestais.

O candidato de En Marea á Xunta de Galicia defende un plan de comarcalizació fronte o plan de fusión de Núñez Feijóo para revitalizar ó rural

O candidato de En Marea á Presidencia da Xunta, Luís Villares, reclamou "un rural vivo, de cor verde intensa" fronte a un Alberto Núñez Feijóo que "tinguiuno de gris cinza" e "vendeu fume" en materia de política forestal.

En Marea presentou en Santiago de Compostela as súas propostas para o mundo rural e xestión dos montes, que inclúen a creación dun "novo modelo" de `comarcalización` para "traballar a escala axeitada" na administración dos recursos agrarios e forestais, así como unha "maior inversión" en política forestal apostando pola prevención porque "os incendios apáganse en inverno".

Así, Villares aclarou que o obxectivo deste plan de comarcalización, que como recordou se recolle dentro do Estatuto de Autonomía, é "establecer novas estruturas de carácter administrativo" para dotar de "maior eficiencia" á xestión local para que "todo o mundo" poida acceder aos "servizos mínimos esenciais a unha distancia e período de tempo razoable sexa cual sexa o lugar de residencia".

Deste modo, cre que "non ten sentido" o plan de fusión de concellos promovido por Núñez Feijóo e puxo como exemplo o máis recente, a unión dos municipios de Cotobade e Cerdedo (ambos os dous en Pontevedra), que, apuntou, pertencen a "bisbarras diferentes, a partidos xudiciais diferentes e teñen realidades socioeconómicas distintas", o que demostra que o PP "non ten un plan para Galicia".

Pola súa banda, o número un de En Marea por A Coruña, Antón Sánchez, cualificou de "anécdotas" estas fusións impulsadas por Feijóo, ao que acusou de gañar "a medalla de ouro en destrución do medio rural", nun día no que o presidente galego recibiu os deportistas galegos que competiron nos Xogos Olímpicos de Río.

"Moitos dos concellos non teñen capacidade para afrontar determinados proxectos", indicou Sánchez, quen remarcou que a intención de En Marea é "facer políticas de ordenación territorial a escala adecuada" a través do devandito sistema de comarcalización.

"Novo modelo" para o rural

Sánchez, voceiro en materia de Medio Rural de AGE durante a última lexislatura, defendeu unha "revitalización" dos servizos públicos nas áreas non urbanas de Galicia, para o que é necesario que "o talento e o coñecemento" que se xera nas universidades públicas galegas se traslade ao rural, algo que tamén beneficiaría a paliar o "envellecemento e a despoboación" que afecta a estas zonas.

Así as cousas, reclamou "plans específicos para os sectores produtivos" e que poña "couto aos abusos da industria de distribución" que afecta principalmente ao sector lácteo. "Non fai falta máis lexislación, hai que aplicar a que hai", apuntou o número un por A Coruña.

Política forestal

As propostas de En Marea para o rural galego xiran en torno a tres eixes: "a posta en valor" do monte, o "reforzo da prevención" e unha reconsideración "do sistema de extinción" dos incendios forestais; e, por último, unha maior cooperación entre as distintas administracións a través do "consenso".

A número dous por A Coruña da marea galega, Luca Chao, reclamou "máis inversión" en materia forestal e recordou que o Goberno galego incumpriu o Plan Forestal de Galicia, que recolle que debe destinarse "un tres por cento do presuposto" á xestión dos montes, cando a Xunta dedica a este apartado "menos do 1,5%".

Programa de En Marea

No acto, realizado no santiagués Monte Pedroso, tamén participou Xavier Simón, membro da coordinadora de En Marea encargada de elaborar o programa electoral, quen sinalou que a formación so ten que "dar voz á xente que leva anos traballando" nos diferentes colectivos sociais de Galicia e que de aí sairán as propostas definitivas coas que a marea galega se presenta ás eleccións.

Neste sentido, avanzou que o programa de En Marea, que será presentado en próximas semanas, caracterizase pola inclusión de "medidas urxentes", outras "a medio e longo prazo" e o establecemento de ámbitos "estratéxicos".

Te puede interesar