A xuíza da 'Operación Campeón' levantará o segredo de sumario antes do 3 de marzo

A titular do Xulgado de Instrución número 3 de Lugo e instrutora da 'Operación Campeón', Estela San José, levantará antes do próximo 3 de marzo o segredo de sumario que peso sobre esta causa dende maio do ano pasado, segundo consta nun auto da Audiencia Provincial de Lugo.
As defensas dos exdeputados Fernando Blanco (BNG) e de Pablo Cobián (PP) recorreran a prórroga das medidas preventivas sobre o sumario ditadas pola instrutora do caso o 7 de novembro do ano pasado. A Audiencia Provincial avala no seu último auto que se manteñan as cautelas xudiciais, pero precisa que 'o segredo das actuacións non se deberá prorrogar máis alá do vencemento da prórroga vixente', é dicir, non máis alá do 3 de marzo.

O auto sinala que a propia instrutora do caso pon de manifesto 'como posible e desexable' que a situación de segredo non se prorrogue en sucesivas ocasións. O pasado 27 de xaneiro, a Audiencia Provincial lucense xa advertira da 'présa necesaria' coa que se debe actuar nos supostos nos que as dilixencias de investigación se seguen á marxe do coñecemento das partes interesadas na causa e só coa presenza do fiscal.

A xuíza instrutora remitiu á Audiencia Provincial un informe reservado, dado o procedemento secreto, no que informaba de que a apertura do sumario 'xa está a punto de cumprirse' e de que se mantiñan temporalmente as cautelas para non prexudicar as investigacións.

'Xa non se deberá continuar coa situación de segredo, pois o mesmo, neste momento, só está pendente da realización de feitos materiais que poidan permitir que levantar o segredo nestas dilixencias non poida prexudicar as investigacións que se poidan seguir noutros procedementos', sinala o auto da Audiencia Provincial de Lugo con data deste venres.

OPERACIÓN

No marco da 'Operación Campeón' foron detidas, en maio do ano pasado, 15 persoas, entre elas, Jorge Dorribo e dous altos cargos do Igape, todos eles en liberdade, pola súa suposta vinculación nunha trama para defraudar subvencións públicas.

Nunha comparecencia ante a instrutora do caso, a principios de agosto, Jorge Dorribo obtivo a liberdade tras declarar que pagaría comisións irregulares a cambio de favores políticos aos entón deputados autonómicos Fernando Blanco e Pablo Cobián, os que dimitiron ao fío destas declaracións.

Nas súas declaracións, Dorribo tamén acusou do cobramento de comisións ao daquela ministro de Fomento, José Blanco. A xuíza decidiu elevar ao Tribunal Supremo (TS) a parte da investigación que afecta o político socialista, actual deputado por Lugo.

A petición propia, José Blanco prestou declaración ante o Supremo o pasado 26 de xaneiro, mentres que o día 21 o fará o propio Jorge Dorribo e, ao día seguinte, o primo do exministro de Fomento, Manuel Bran, acusado polo propietario de Nupel de actuar como intermediario para o cobramento das comisións.

Te puede interesar