A xuíza tamén impón a Geslander unha multa de 580.000 euros

A titular do Xulgado do Penal número un de Santiago impuxo a Geslander, a sociedade de que Gerardo Conde Roa era administrador único, unha multa de 580.000 euros, o dobre do defraudado, segundo a sentenza condenatoria.
O ex alcalde da capital galega foi condenado a dous anos de prisión por un delito fiscal, aínda que evitará a cadea, e a pagar tamén 580.000 euros, alén de a unha inhabilitación durante anos para o exercicio do comercio inmobiliario.

Conde Roa dimitiu como alcalde de Santiago de Compostela en abril de 2012 despois de ser imputado por un presunto delito contra a Facenda Pública pola falta de pagamento da cantidade de 291.000 euros correspondentes ao IVE do exercicio 2010 pola venda de 61 vivendas pola sociedade Geslander, da que o ex rexedor era administrador único.

A sentenza inhabilita tamén esta sociedade para obter subvencións e axudas públicas, para contratar co sector público e para gozar de incentivos e beneficios fiscais ou da Seguridade Social por un prazo de dous anos.

Ademais, na orde civil, tanto Conde Roa como a súa sociedade son condenados solidariamente a indemnizar a Facenda Pública polo importe da cota tributaria defraudada, máis os xuros de mora, así como a aboar as costas do xuízo.

O avogado do ex alcalde, Ramón Sabín, anunciou que recorrerá a sentenza no prazo establecido, antes de dez días, xa que tanto el como o seu cliente a consideran 'absolutamente inxusta'.

Te puede interesar