MEDIO AMBIENTE

Xunta aproba o plan director da Rede Natura

Prevé protexer unhas 400.000 hectáreas, 12% da superficie de Galicia.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, indicou despois da reunión semanal do Executivo autonómico que "o salto fundamental" destas normas será recoñecer que as áreas integradas na Rede Natura non son uniformes, polo que se estableceron tres zonas de protección.

Na primeira delas, a protección será "absoluta", na segunda haberá un grao de conservación alto e na terceira, que representa menos de 6% do total, as condicións serán menos restritivas.

O presidente non quixo dar moitos detalles sobre o plan director e remitiu a unha conferencia de prensa do conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, "que non defraudará", e que decorrerá nos próximos días, entre mañá e o luns.

Deste modo, evitou pronunciarse sobre a compatibilidade de asentamentos eólicos, mineiros ou acuícolas en territorio protexido e insistiu en que será o conselleiro quen ofreza todos os detalles.

En calquera caso, Núñez Feijóo afirmou que o plan director combinará a protección efectiva do territorio e a súa conservación cos usos prioritarios desenvolvidos pola poboación nestas zonas, "en que a acción humana se poida continuar desenvolvendo con criterios protección".

"O que se pretende é garantir a máxima protección en cada caso e tamén o desenvolvemento dos cidadáns que viven en cada zona", indicou.

Asegurou que a protección e a conservación da Rede Natura é un "obxectivo de todos, de país" e destacou que Galicia será a segunda comunidade de España, coa Rioxa, en remitir a Europa o seu plan de protección do territorio.

Te puede interesar