A Xunta asegura que Intermax e Tripla foron 'inadmitidas' por 'non cumprir os requisitos mínimos obrigatorios'

A Secretaría Xeral de Modernización asegurou que as empresas galegas operadoras de rede inalámbrica Intermax e Tripla foron 'inadmitidas' para a adxudicación do desenvolvemento do Plan Director de Banda Ancha por 'non cumprir os requisitos mínimos obrigatorios esixidos no concurso'.
Así o explicaron fontes do departamento autonómico en declaracións a Europa Press, despois de que a Asociación de Operador Galegos de Redes Sen Fios de Banda Longa (OperGal) reclamase publicamente á Xunta que valorase a oferta presentada por Intermax e Tripla e criticase que o proxecto de Telefónica -adxudicataria provisional- presenta 'tecnoloxía obsoleta'.

Segundo detallou a Secretaría xeral de Modernización, unha vez presentada a documentación por parte de Intermax e Tripla, a Xunta pediulles que 'emendasen' certa 'información técnica' que 'non cumpría os requisitos 'no prazo determinado' ao efecto.

A pesar desta petición, conforme sinalou Modernización, as empresas 'non remitiron a información no prazo correspondente', polo que a Administración procedeu á adxudicación provisional do proxecto.

Con todo, recordou que 'nestes momentos está aberto o prazo' para que estas empresas presenten as súas correspondentes alegacións.

Sobre as afirmacións de OperGal nas que aseguraba que a parte de valoración das propostas foi traballo dunha empresa privada con relacións comerciais con empresas con Telefónica, a Xunta sinalou que o 'proceso de valoración' foi resolto por unha 'Comisión de Valoración', integrada 'unicamente por persoal da Secretaría Xeral'.

Te puede interesar