DíA LETRAS GALEGAS

A Xunta censura que se use o galego como 'arma arroxadiza'

20150514-635672017556081603
photo_camera Valentín García.

Anova chama a deter a campaña o Día das Letras para encher Galicia de actos en defensa da lingua

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, asegura, ante o 17 de maio, Día das Letras Galegas, que o "futuro do galego está asegurado" e por iso reclama que deixe de usarse o idioma como arma arroxadiza porque o da lingua é hoxe un debate "que socialmente non existe". García confía, non obstante, en que sexa unha loita que se desgaste "co tempo", cando os políticos se decaten de que a pesares de "ser un debate moi sinxelo e que outorga titulares", non é definitorio á hora de "dar ou quitar votos", reflexiona nunha entrevista.

O responsable de Política Lingüística insiste, ademáis, en que o "discurso" de que o galego está en perigo de extinción é "moi rancio e non ten razón de ser", posto que a Unesco considera que unha lingua está en perigo cando ten menos de 100.000 falantes e eses ténos o galego soamente en Vigo e a súa área de influencia", apunta. "Ten o futuro asegurado, e evidentemente hai que melloralo e impulsalo, e niso estamos, pero o galego está na sociedade", di.

Nese senso, remarca que a perda de falantes se debe a que a sociedade galega cambiou considerablemente e a cidadanía actual parécese moi pouco á de hai 50 anos, e subliña que, a pesares de que haxa que facer un esforzo para a recuperación de falantes, o galego "é moito máis prestixioso" que hai anos, e chegou a eidos que eran impensables, como a "sanidade e a xustiza", aínda que polo momento, admite, "non nos índices agardables".

lingua estigmatizada

Con estes datos, o secretario xeral de Política Lingüística do Goberno galego tamén apunta que non é nada bo para a lingua "estigmatizala, por exemplo, vinculándoa a unha corrente ideolóxica, posto que é "altamente pernicioso" para o idioma, sexa a corrente que sexa. "Se o fas, estás a atar o futuro desa lingua co desa corrente, e as correntes políticas van e veñen, soben e baixan, as linguas non deben someterse a iso", defende, e considera que é, a que expón, unha estigmatización que continúa na sociedade galega.

Pola súa banda, Anova, a formación que lidera Xosé Manuel Beiras, apelou onte ás diferentes  candidaturas que concorren ás eleccións municipais en Galicia que o Día das Letras Galegas, "deteñan a maquinaria electoral" para "encher Galicia de actos de compromiso coa lingua". Ademáis, fixo público un decálogo con "medidas urxentes" que esta formación poría en marcha no caso de acceder ó goberno dalgún concello, entre elas a elaboración dunha carta municipal de dereitos lingüísticos e dun plan de normalización, a regulación do uso do galego nas comunicacións do concello, a promoción do galego entre a infancia e a xuventude e a recuperación da toponimia.

Sobre o estado do idioma da comunidade autónoma se manifestaron, o pasado luns, os responsables dos departamentos de Filoloxía Galega das tres universidades de Galicia reclamaron aos poderes públicos unha actuación e "unha aposta decidida pola normalización lingüística", ante os malos datos feitos públicos recentemente  sobre o uso e transmisión da lingua galega e o panorama político de Galicia. 

Te puede interesar