O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, fixo hoxe un chamamento aos cidadáns para aumentar o número de doazóns de medula ósea.
Galicia, dixo o seu presidente, está por debaixo da media do país na doazón deste órgano e só representou 2,3% do total en 2013.
Para intentar paliar esta situación, a Xunta porá en funcionamento unha páxina web de "autoinclusión" na que quen decidir facerse doador quedará inscrito automaticamente e despois deste trámite, a persoa será chamada a unha entrevista.
Con anterioridade, esta xestión só se podía facer de modo presencial no Centro de Transfusión de Galicia ou na Rede Española de Doadores.
O obxectivo desta campaña é facer un chamamento aos galegos para que aumenten as doazóns de medula ósea.
Núñez Feijóo avanzou nunha conferencia de prensa despois da reunión semanal do Goberno galego que o Consello da Xunta deu o visto e prace ao decreto que regula a inspección de servizos sanitarios.
Trátase dunha norma que substitúe outra do ano 1992 e reforza, basicamente, os labores de inspección, o que beneficiará tanto os pacientes como a Administración.
Deste modo, os inspectores sanitarios poderán actuar de oficio, como ocorre noutras ramas de inspección da Administración e tamén poderán "retirar documentos dos centros", non só produtos defectuosos.
Tamén en sanidade a Xunta deu o visto e prace á licitación do centro de saúde de Oia (Pontevedra) por 1 millón de euros.
Está previsto que o prazo de execución dure 12 meses e que esta infraestrutura dea cobertura a 2.200 cidadáns.
Por outro lado, o Consello da Xunta aprobou hoxe a sinatura dun convenio de colaboración co Clúster do Turismo de Galicia para intentar aumentar o número de distincións de calidade turística.
En 2013, Galicia obtivo 249 distincións "Q", a segunda comunidade en número de recoñecementos e, nalgunhas áreas, como o turismo rural, o termal, o industrial e o lecer nocturno foi líder, polo que en opinión de Núñez Feijóo conta "cunha vantaxe comparativa" que hai que manter "e, se é posible, aumentar".
flh/av