A Xunta rende homenaxe a Carvalho Caleio ao reeditar unha das súas obras

A Xunta de Galicia recuperou unha das obras máis singulares de Ricardo Carvalho Calero, cunha reedición facsimilar de 'Prosa galega', coa que o Goberno autónomo rende homenaxe ao que foi o primeiro catedrático de Galego na Universidade.
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, entregou nesta mañá ás fillas de Carvalho Calero un exemplar da reedición, promovida polo Executivo galego para conmemorar o centenario do nacemento do profesor ferrolán.

Durante o seu encontro con Maria Vitória e Margarita Carvalho Calero, o titular da Xunta destacou a relevancia da traxectoria vital e intelectual do profesor e escritor, que considera merecedor dun recoñecemento institucional polo Goberno galego e pola sociedade, sinala a Xunta.

'Carvalho Calero (Ferrol, 1910-Santiago, 1990) soubo estar á altura das circunstancias históricas que viviu e iso converteuno nun personaxe indispensábel na cultura galega do século XX', transmitiu o presidente da Xunta á familia.

O Goberno autónomo destaca o traballo do profesor no Seminario de Estudos Galegos durante os anos 20 e 30 do pasado século e a súa participación na redacción do Estatuto de autonomía de 1936, así como a súa contribución ao proceso de reconstrución cultural de Galicia desde os anos 50.

A edición facsimilar está promovida pola Secretaría Xeral de Política Lingüística e foi publicada pola Galaxia.

Te puede interesar