"Aberto todos os dias", João Luís Barreto Guimarães

João Luís Barreto Guimarães.
photo_camera João Luís Barreto Guimarães.
A poesia de João Luís Barreto Guimarães oscila, sempre entre a contemplación da História, a ironia sobre as cousas comuns e cotiás, a transformación dos sentimentos en meditación sobre o paso do  tempo e a construcción dun universo propio

Ler a Joᾶo Luís Barreto Guimarᾶes, poeta portugués de primeira liña, a quen presentei hai anos en Madrid, por mor da publicación dun libro seu en Vaso Roto, é para min asunto prácido que me leva aos límites da ataraxia. E iso sen necesidade de máis beberetes que a poética que practica este autor, polo demais médico, cal o teñen sido outros escritores, por máis que algúns cal o noso Castelao, rexeitaran a práctica galénica por amor á humanidade, seica.

Mais isto é, para o caso, anécdota, que o categórico é que Barreto Guimarᾶes é poeta de fondo (de catálogo, tamén). Deses que debaixo dunha tona sinxela agachan dinamita, coa que furar tuneis polos que chegar á poética elevada. Tan alta, tan alta que con el un pode tomar baños na praia de Moledo, que non resulta para mín en absoluto allea, sentindo case que o vento nas costas, facendo do corpo do lector embarcación. Estamos diante dunha poética non soamente visual mais sensitiva, que ulttrapasa a raia do que se ve para múdalo nun entrañamento total.

Algo semellante ao que acontece coa pintura de Vermeer, e non é causualidade, supoño, que os artífices da moi fermosa edición deste libro, Aberto todos os días, teñan botado man de “Vista de Delft” para abrir un volume que nos fala dunha poética, como de garda, aberta -e o título en absoluto engana- a todas horas. Na que se descubren as cartas dunha baralla non nada trucada, pola que desfilan barcos, garzas, gardachuvas, piscinas do inverno, ou eses veráns como ritos morredeiros, para volver nacer como o fai a poesía deste autor, renacido decote. Eis o don da poesía auténtica, dun dos autores lusos máis chamativos do momento, galardonado neste libro co “Pessoa 2022”, un premio moi competente cal o que supón este poeta da excelencia, que nos mostra xa no comezo do seu manual un devir cotián, con ese “Há unha mᾶo cheia de coisas à espera de acontecer”. Tal como agoiro dun futuro que o espírito poético de Barreto Guimarᾶes dá parado. E iso é ou debera a poesía. A deste poeta, que vive no corazón do Alto Minho. Quen de nos transmitir a música calada, de San Juan de la Cruz, entre a realidade e un soño viaxeiro, pero que non se describe “in situ” senón despois de que o silencio se nos faga pouso e paisaxe. Algo así.

Te puede interesar