Complementos con firma e conciencia

Criada entre puntadas e agullas, Sara González foi pouco a pocuo entrando no mundo da confección ata chegar a "A Sariña Maquinando", unha marca de artesanía textil que aposta polo consumo responsable e o valor do local e o feito a man con productos como fundas de pandeiretas, fundas de libros e todo tipo de complementos,

Como naceu o proxecto?

Este proxecto leva moito tempo na miña mente, pero non foi ata fai pouquiño que me decidín a poñerlle nome. Eu son educadora social e os meus traballos sempre estiveron relacionados co eido educativo, pero dende fai tempo, quero levar o meu gusto pola costura a un proxecto máis profesional. Dende pequena sempre estiven rodeada de teas e costuras, o meu bisavó era xastre e a miña avoa costureira. Polo que na miña casa coser sempre foi unha tarefa que se facía con moito gusto. Co paso dos anos as miñas inquedanzas por aprender, fixeron que me anotase a unha academia de costura. A través desta experiencia, foi cando comecei a facer os meus primeiros encargos de prendas de vestir, complementos, neceseres...e pouco a pouco funlle dando forma a este proxecto ata o día de hoxe, que estou moi ilusionada e dando todo de min para que siga adiante.

Cal é a filosofía da marca?

A Sariña é un proxecto de artesanía téxtil que se desenvolve na nosa comunidade. Todos os produtos están feitos a man coa axuda da miña máquina de coser. Este proxecto dálle valor ás prendas feitas a man, de calidade e durabilidade. Aposta polo consumo responsable, a economía circular e o valor do local.

De que xeito se plasma ese compromiso?

Todos os produtos están feitos con materiais de calidade e pensados para que teñan unha vida longa. Os materiais mércanse no comercio local. A maioría das teas que se empregan son retais, mostrarios ou teas rescatadas en bo estado. O importante é xerar o menos residuo posible para coidar o planeta.

Como é o proceso de creación? 

Primeiro é pensar no produto que se vai confeccionar, para min é importante que teña un estampado e deseño que non pase de moda, para que se poida seguir usando aínda que pasen os anos. Unha vez que se ten o produto hai que pensar no estampado, que adoita ser moi colorido e diverso, e varían segundo as teas que se teñan dispoñibles no momento. Ao traballar con retais, mostrarios... é difícil ter moita cantidade igual dun produto. Iso tamén fai que moitos dos deseños sexan únicos. Despois disto hai que facer un patrón e poñerse mans á obra coa costura. Hai que destacar, que detrás do produto final, hai moitas probas de deseño, non solo é importante que o resultado final sexa bonito, se non que hai que conseguir que teña a mellor funcionalidade posible.

A producción é local e feita a man. De que xeito inflúe isto no proceso de fabricación?

No proceso de creación, conto cos recursos que teño ao meu alcance, os que podo adquirir no comercio local da cidade, polo que se está favorecendo a economía do noso entorno. Isto contribúe a mellorar as condicións económicas e sociais dos entornos locais En canto ao feito a man, inflúe no proceso de fabricación, xa que se asegura que o produto estea creado nunhas condicións sociais éticas.

Aumenta o interese pola artesanía e o feito a man. A que se debe?

Nos últimos anos a maioría das industrias da moda producen cada vez a máis velocidade, sen reparar na calidade dos produtos e na precariedade laboral das persoas traballadoras. Cada vez a xente é máis consciente disto e busca mercar produtos de calidade, que teñan unha vida máis longa e ética.

Quen son os clientes?

As persoas que se interesan son moi variadas, creo que isto tamén se debe a que ofrezo produtos moi diversos: fundas de pandeireta, fundas de libros, bolsos, bolsas, carteiras... Normalmente chegan persoas do eido da música galega preguntando polas fundas de pandeireta, outras ás que lles gusta moito ler e lles chama a atención as fundas para libros e moitas persoas que queren agasallar con artesanía.

Cales son as principais dificultades a nivel empresarial?

A principal dificultade é a inversión que tes ao principio para mercar materiais e darse a coñecer. Nos inicios todo é difícil, e as veces sénteste perdida ao non saber os pasos que hai que seguir para conseguir que saia adiante o proxecto. Ademais, a artesanía adoita ter uns prezos máis elevados comparándoos cos das grandes industrias, porque pagas un proceso de produción xusto e de boa calidade. E as veces é difícil adaptar estes prezos ao consumo ao que está acostumada a sociedade.

Como ves o panorama da moda?

Agora mesmo, vexo que cada vez ten un ritmo de produción máis acelerado. As prendas pasan de moda cada vez máis rápido e son confeccionadas con moi mala calidade. Abaratan costes para vender a prezos máis económicos e chegar a un público maior. Todo isto ao final desencadea en que empreguemos prendas e complementos, practicamente, de usar e tirar. A artesanía é o oposto a estes métodos de produción, xa que mercas calidade e durabilidade. Por iso creo que a artesanía está en camiño de ocupar un espazo moi potente na nosa sociedade.

Que papel ten que xogar a artesanía no futuro?

Ten un papel fundamental, porque ofrece unha alternativa sostible a eses métodos de produción masivos. Hai que transmitir moi ben os valores que van ligados a esta, para calar na sociedade e ser conscientes de que o papel que vai xogar a artesanía no futuro está nas nosas mans.

Te puede interesar