Playlist

Guadi Galego, ou como pouquiño a pouco a muller sitúase na música

La música Guadi Galego.
photo_camera La música Guadi Galego.
“Os problemas de violencia machista están baseados nunha sociedade que está enferma porque non está educada”, di

"Comezan as historias con homes encumados / rematan sempre todas con mulleres que os salvaron / da morte do intelecto, insectos que os picaron / de turbias lendas vellas que non queren nin lembrar”. Os versos corresponden a “Matriarcas”, unha canción que reflicte como poucas as situacións da muller en Galicia. A súa autora, Guadi Galego, actuará o xoves 28 en Ourense no Teatro Principal no marco das actividades relacionadas co Día Internacional contra a Violencia de Xénero.

A pesar dos seus propios esforzos e de moitos outros artistas para cambiar a realidade, di que “os problemas de violencia machista son problemas que están baseados nunha sociedade que está enferma porque non está educada. É tan forte o fluxo do patriarcado durante tantos anos que está gravado no ADN”.

“O patriarcado é moi forte, moi poderoso, os oficios están enmarcados, é moi difícil acceder a certas cuestións e logo liderar certas cuestións está como un pouco mal visto ou tes menos credibilidade moitas veces –explica-. Entón é unha cuestión de que ten que pasar tempo e que a sociedade vaia mudando pouco a pouco para poder chegar a ese empoderamento real e de igualdade que é o que se persegue”.

“E nós pouquiño a pouco ímonos situando”, segue a letra de “Matriarcas”, unha canción de Guadi que xa ten moitos anos e non forma parte do traballo que vén presentar a Ourense, que se chama “Inmersión”, pero que é moi propicio para dar conta do problema de inserción de mulleres na sociedade. 

“A arte foi sempre un transformador social, eu creo que así ten que ser, ten que remover algo na xente que se conecta con ela. En canto ao que ten que ver con violencia de xénero ou violencia machista o compromiso social dos artistas é fundamental para a visibilización; e despois hai un traballo de base que é un traballo de educación fundamental que ten que ver coas administracións e cos políticos ou coas políticas que se impliquen neste traballo de base para que estea feito e chegue a onde ten que chegar –afirma-. Entón cómpre tomar conciencia como sociedade e traballar na educación, como unha asignatura máis”. Unha expresión de desexos que polo menos se farán realidade no tempo que dure o concerto de Guadi Galego.

Te puede interesar