LA REVISTA

Maneiras de cantar

Levo un par de semanas oíndo sen parar este disco. Con necesidade compulsiva de poñelo unha e outra vez, con especial énfase en cancións como “Winston Churchill´s Boy”

Levo un par de semanas oíndo sen parar este disco. Con necesidade compulsiva de poñelo unha e outra vez, con especial énfase en cancións como “Winston Churchill´s Boy”, moi por riba das demais (na música, na letra), “Condolences” ou “Cornersotone”. O seu compositor e intérprete, Benjamin Clementine, o disco, “At least for now”, ese bombazo que me leva pensar que nos últimos vinte anos non escoitara cousa semellante. Benjamin Clementine é un artista londinense, do narrio de Edmonton, negro, procedente dunha nenez con moito de desfeita, desas que marcan, pianista –adoita tocar cos pés espidos, se cadra pola mesma razón que levara a Sandie Shaw facer o propio, ética (de sentir o mundo, de abaixo para enriba), estética (desmentindo a presunta fealdade das extremidades inferiores).


Clementine, en fin, educouse musicalmente en Francia, e por iso a influencia de Léo Ferre e Edith Piaf. Outros din que tamén de Nina Simone. Eu engado que a de Sting, fóra xa este de The Police ou certo Paolo Conte. O certo é que Benjamin Clementine frasea como os anxos, se é que estes frasearon algunha vez (en vóo, antes da caída), e pousa nas súas cancións un sentimento dramático como poucas veces teño aprezado.

Desde logo en ningún dos cantantes que apareceron nos últimos anos, simples aprendices de entonación á beira de Clementine. Un cantante de voz atenorada (que non tenor) mais que consigue que esta se repregue nas mans dos oíntes tal como un paxaro procurando entobo. Así de fráxil (mais chea de poderío) resulta a voz deste rapaz. Que poisque a definición de “Jazz” (xénero tan ceibe que mesmo admite a Shostakovich) tamén lle cadra, ben podemos dicir que estamos diante dun cantante polivalente ao que xa aparece escoitar en directo.

Tal como o temos en You Tube, cantando precisamente “Winston Churchill´s Boy”, en París, para France Inter. Penso que sirve a xeito de introducción a Benjamin Clementine. Logo hai un cedé. este, agardando. Coido que aínda quedan tendas de discos. Eu atopei unha, con “At least for now” chamando por mín. Desde aquela non deixo de atender, moi compulsivamente, esa chamada. Esas maneiras de cantar, e compoñer, que son como un río e fervenza tan dramáticamente fermosas.

Te puede interesar