Maribel Outeiriño e o seu roteiro de Sevilla a Santiago (pasando por Ourense)

photo_camera Maribel Outeiriño.
A xornalista Maribel Outeiriño baliza unha rota chea de atractiva, feita "a pé de obra" e con indicacións prácticas

Parcial como son do Camiño de Santiago, o meu, o Inglés, desde Ferrol, levo xa sete ás miñas costas, sempre con escolares, agás cando obrigado pola pandemia tiven de facelo só, experiencia moi apetecible, ou na compaña dun profesor americano, Aaron Zimmerman, unha man amiga fixo que chegara á miña este auténtico manual do peregrino. Do que ouse facer ese percorrido, para valentes, mellor en primavera, través do Camiño Mozárabe.

A autora deste manual, tan ao día que non máis compriría actualizar prezos e albergues (agardemos que o de Requejo (Zamora) xa non sexa “el más indecente y cutre del camino y en absoluto aconsejable”), é Maribel Outeiriño. Anoto isto como proba de que Maribel xornalista de batalla, xornaleira do Camiño, di a súa verdade. Aínda que ás veces esaxere como cando, en A Gudiña, atribúa ao Beato Sebastián de Aparicio, desta vila nativo, o levar a roda a México. Boa fora se coase que os aztecas primitivos coñecían abondo o enguedello.

Esta guía, así e todo, non tenta facer literatura, ao Cela alcarreño, poño por caso, o que non me importaría dado o estilo e máis o concepto da autora. O seu é un balizar unha rota chea de atractivo, feita “a pé de obra”, con indicacións prácticas, pero tamén históricas e culturais nun Camiño que parte de Sevilla e vai por Mérida, Cáceres, Salamanca e Ourense, ata chegar ao punto de destino.

Acompañado o libro, a xeito de caderno, dunhas espléndidas fotografías de Sánchez Ruido, Pavón e Lamelo. Por suposto que pois o Camiño, xa en Ourense, pasa por San Cibrán das Viñas, hai un apunte para La Región, este xornal que nos acolle aos peregrinos (algúns, en senso lato) dispostos dar a volta ao mundo en papel. O de Maribel Outeiriño ten que ver con esa utopía que nos di que non xubilemos xamais. Que o Camiño segue estando pedíndonos, cal a la laranxa do poeta Esenin, que o papemos. Eu volvo ao Inglés este ano, mais o Mozárabe xa está pedindo as miñas botas, que como as de Nancy Sinatra, “are made for walking”. Por iso. Igualmente pola sede de camiñar. E a sede, di Maribel Outeiriño, non é senón “a nostalxia do pracer que produce a bebida fría”. Tamén por iso. Reediten este manual, coas modificacións precisas, fagan o favor.

Te puede interesar