Entrevista 10

Nemesio Barxa, 60 anos de dereito

Ourense. 02/10/2019. Entrevista a Nemesio Barxa.
Foto: Xesús Fariñas
photo_camera Nemesio Barxa.
É o avogado con máis longa traxectoria profesional de Ourense. Sesenta anos e os que veñan, porque Nemesio Barxa non pensa na xubilación.

“Nacín en Seoane, unha aldea da parroquia de Caldesiños”, gústalle precisa. Naquel recuncho de Viana do Bolo, preto das “Meduliñas”, unha explotación aurífera creada polos romanos, naceu Nemesio Barxa en febreiro de 1935. O seu vínculo coa Galicia rural vai estar presente en boa parte da súa carreira como avogado, que comezou en 1959. Dende aquela, e xa pasaron 60 anos, exerce o Dereito en Ourense, converténdose deste xeito no avogado con máis longa traxectoria na cidade, se ben tamén contou, e aínda conta, con despacho en Vigo e estivo colexiado en outras moitas cidades como Oporto. Cando comeza a conversa, ao entrevistador escápaselle a mirada á morea de libros que, espallados polas mesas e nas librerías rodean ó entrevistado: a máis da literatura xurídica propia dun despacho de avogados, hai moita obra sobre arte, cultura, libros sobre viños e dos autores clásicos e contemporáneos da literatura galega.

1. ¿A súa foi unha infancia rural?

En parte si, pero tamén na cidade. Os meus pais, que eran mestres estaban destinados nunha parroquia de Viana do Bolo cando eu nacín. Alí vivimos ate os cinco anos, máis o menos, e logo foron destinados a Vilar de Barrio. Pero aos sete anos xa estaba vivindo en Ourense, que foi cando eles conseguiron destino aquí. Ademais, nos veráns, nós víñamos a vivir a Ourense, xa que os meus pais tiñan casa aquí. Así que hai nha parte rural, pero predomina a urbana. 

2. ¿De donde ven a súa querencia polo rural de Ourense?

O certo é que ven máis por influencia do meu pai. El chegou a ser presidente da Cámara Oficial Agraria e polo tanto tiña que facer moitas viaxes polo rural, visitando adegas, cooperativas... eu o acompañaba, e foi aí cando aprendín e collín máis vínculos co rural da provincia de Ourense.

3. ¿Que lembranzas ten da súa etapa de estudante?

Estudiei os tres primeiros anos en Madrid e os dous últimos en Salamanca. Falo da década dos anos 50. Madrid era, daquela unha cidade con moi pouco ambiente universitario, a diferencia de Salamanca. A vida universitaria quedaba diluída na gran cidade, aínda que en realidade, tiña un carácter de gran pobo, máis que de cidade, non como agora. En Salamanca si que se percibía e se vivía en cada esquina, o seu carácter de cidade universitaria.

4. ¿Cando comezou o seu exercicio profesional?

No ano 1959. Colexieime en Ourense, e comecei a traballar, xusto hai 60 anos. Teño o número trinta de colexiado. Non son o máis vello, pero si o que máis tempo leva en exercicio aquí en Ourense.

5. ¿Tiña en mente especializarse nalgunha rama do dereito?

Cando comecei, obviamente, atendía casos de practicamente todas as ramas do dereito. Logo, o tempo vai marcando a túas especializacións. Por exemplo: a política, orientoume máis ó dereito penal. Como eu era un comprometido antifranquista, simpatizante da UPG, cada dous por tres, estaba levando casos de compañeiros que eran condenados por cousas tan nimias como pegar carteis, participar nunha manifestación, etcetera. Naturalmente a medida que vai pasando o tempo levaría casos de moita máis importancia. Por poñer un exemplo, o da revolta de Allariz, de hai trinta anos. Por gusto, eu son civilista. Pero logo, como dicía, as circunstancias lévanche por distintos camiños. Recordo duns nacionalistas que quedaran sen avogado na defensa nun caso laboral en Vigo e pedíronme que lles defendera. A cousa saíra ben e non sei por que acabei levando un montón de casos do social en Vigo. 

6. ¿O seu compromiso político marcou a súa traxectoria?

A miña actividade profesional moveuse en campos moi diferentes. O meu compromiso político sempre foi moi claro. Eu era antifranquista, un home de esquerdas, e nacionalista. 

7. vostede foi candidato á alcaldía de Ourense en 1987 polo BNG. Despois participaría en máis comicios, pero ¿que recordos ten daquelas eleccións?

Eu tiña claro que non quería participar activamente na política. Entre outras cousas porque me gusta moito a miña profesión. E claro. se te dedicas á política, ou unha de dúas: ou abandonas o teu despacho e te dedicas de cheo á política, ou tratas de compatibilizar ambas as dúas cousas, o cal significa que vas a desatendelo. Non obstante, naquelas eleccións, o BNG tentárame a participar naquelas eleccións porque pensaban que tiñan opcións de acadar un bo resultado, pero eran conscientes do seu teito e o feito de levarme a min de cabeza de lista, pensaban eles, abriría a súa candidatura a unha sociedade máis ampla, a esa burguesía que o rexeitaba. Porque eu era un home da burguesía, naturalmente, e pensaban que sería unha boa estratexia. Non me neguei porque non quería ser o culpable de que non acadaran un éxito que, finalmente non se produciu. 

"Traballar é unha maneira de manterse en forma de mente"

8. Preside a Irmandade dos viños galegos. ¿Como naceu?

Naceu como unha necesidade de dar apoio os viños galegos que naquel momento estaban empezando a demostrar a súa valía. O impulso da Irmandade foi promovido, fundamentalmente, por Anguiano, Pepe Posada, Cabezas e eu. Pero, especialmente, por Posada. Cando morreu, se non é por Anguiano e por min a Irmandade tería desaparecido, e costounos moito traballo sacala adiante porque Pepe encargábase de todo. Non sei cantas horas tiña o día de Pepe, porque era capaz de atender o seu traballo, o seu negocio, escribir, viaxar, vender fóra de Galicia e atender a organización da Irmandade. 

9. ¿E o seu interese polos viños?

A parte do seu compoñente cultural e gastronómico, é unha historia que ven de antigo. O meu pai era do Ribeiro, de Mugares. Ademais, como dixen antes o tiña acompañado moitas veces visitando adegas e cooperativas. Lémbrome que cando chegaba a Monterrei e probaba o seu viño e me parecía moi deficiente. Cruzabas a fronteira e probabas o viño que se facía en Chaves e era moito mellor. Eu era un rapaz e lle preguntaba ó meu pai e me dicía. “No é que o viño sexa mellor, é que está mellor elaborado”. Aí empecei a sentir curiosidade, e logo ya máis adulto, comecei a asistir a catas. Por exemplo, as que facía Anguiano, na rúa dos viños cada vez que se abillaba un pipote. El exercía de Mestre Abillante e dábanos unha auténtica lección. 

    "Sempre fun un home de esquerdas e nacionalista"

10. ¿Pensa nalgun momento na xubilación?

Non. O certo é que creo que traballar venme mellor para a saúde que xubilarme. Nunca practiquei deportes, e o feito de acudir todas as mañás aquí, ó escritorio, obrígame a unha disciplina, estar aquí as nove e media, que para min é moi positiva, mellora máis a míña saude que facer vida de xubilado. Polo demais sigo a ter a mesma participación noutras actividades de carácter cultural, a propia Irmandade dos Viños Galegos.      

Te puede interesar