O poeta é um fingidor

Pessoa, lástima fora, aparece cando o último libro de Javier Cercas, que lin, que devorei, en tres ou catro sesións, anda nas penúltimas boquexadas

Pessoa, lástima fora, aparece cando o último libro de Javier Cercas, que lin, que devorei, en tres ou catro sesións, anda nas penúltimas boquexadas. Antes (e logo, porque á xente compre repetirlle as cousas segundo sentencia de Gide) xorde Gorxias, con aquilo de que en narrativa quen máis engana máis honesto é, e o máis sabido quen máis se deixa enganar. Pessoa ven a conto, como cabería agardar, co poeta que mesmo finxe que é dor a que de verdade sinte. Algo así, soamente que sen estro poético (que saibamos) Enric Marco, o mentireiro compulsivo que sen ter sufrido xamais os horrores dun campo de concentración nazi, chegou proclamar a súa “verdade” diante do Congreso dos Deputados, e a piques de facelo en Mauthausen foi desenmascarado por un historiador, deses que van por libre, deses que a universidade desbota ou ningunea, chamado Benito Bermejo. Daquela o nome de Marco saltou masivamente aos medios (deica entón apenas tiña neles un rol secundario) e Javier Cercas, especialista en docudramas, así os avatares de Sánchez Mazas (en Soldados de Salamina) ou de Suárez versus Tejero (en Anatomía de un instante), optou por facer da súa vida novela. Esta que temos diante, todo un tratado de mitomanías, así a deste novo Quixote (que non “quixote”), quen á altura dos cincuenta anos de existencia mediocre decide recompoñela, descontento do que atopa decotío ao se barbear diante do espello. Así aquel escuro mecánico pasa ocupar cargos importantes na CNT, en asociaciòns relativas ao ensino e, sobre todo, na presidencia da Amical de Mauthausen que acolle aos supervivintes da desfeita aquela. O como e o por que é o obxectivo deste libro, a un tempo autobiografía do seu autor, un pouco ao xeito de Unamuno. E hai un momento no que Enric Marco increpa ao “seu” autor, á maneira de aquel Augusto unamuniano que se sae da novela, Niebla, e vai ao despacho rectoral de Don Miguel pedíndolle que lle salve a vida. Unamuno non o fai. Javier Cercas tal pretende, salvar a Enric Marco del mesmo. Non sei se o dá acadado, “il lupo perde il pelo ma non il vizio”, mais o certo é que estamos diante dun libro espléndido, merecente de lectura. Enric Marco dunha certa compaixón admirativa. Por el, por todos nós, se cadra.

Te puede interesar