RABO DE NUBE

Que ven do frío

Esta antoloxía de dezasete poetas checas contemporáneas recolle as voces dun grupo heteroxéneo e polifacético, cunha visión existencial e unha poética únicas. O papel dalgunhas destas poetas foi dar visibilidade a cuestións que estaban á sombra 

Houbera un tempo, veño del, marcou a miña vida (tenme dito alguén, a propósito dun libro meu de poemas, tan setentaeotista cal a lúa de Dubcek en Praga, ¿el que sería de ti sen o 68?), no que todos os días había unha revolución/ revelación. París, Berlín, Berkeley ou, xa se dixo, Praga. Aquela tentativa de facer un socialismo “de rostro humano” (¿oxímoro ou pleonasmo?) acabara cos tanques rusos invadindo o que se chamaba Checoeslovaquia.

Hoxe dividida nas dúas nacións que compoñen o nome. Dunha delas, da súa poesía escrita por mulleres, chega este libro, “De sombras y terciopelo”, escolma de dazasete autoras, antoloxía e tradución de Elena Buixaderas, quen en Praga mora, e labora como física (á parte de ser boa poeta e traductora). As poetas deste combinado naceron entre 1963 e 1988, ou sexa, pouco que ver coa sociedade comunista (a máis vella, Sylva Fischerová, tiña seis anos anos cando cae o muro) e menos aínda, claro, co 68 aquel.

A máis nova, Klara Goldstein, nace cáseque ao se albiscar un novo mundo. E isto, que o mundo mudara (viña facendóo xa, por iso caerán as vellas estructuras), está presente na poética dunhas autoras nada conformistas. Como xa se agoiraba en poetas anteriores, mesmo durante o comunismo, malia tanto atranco dun sistema que provocara o ostracismo de Holan e Seifert, como ben sinala Buixaderas no seu prólogo os únicos coñecidos no noso ámbito. Acontece, non obstante que “A revolución de veludo”, a de 1989, fai que sexan agora as donas quen tomen o mando poético. Un mando ben diversificado como podemos ver neste volume, cheo de asuntos e maneiras diferentes.

Aquí hai paisaxe, algunha irrupción exótica á parte, desa parte de Europa onde imperan os fríos. E, tamén, fauna deses lugares. Mais hai asemade paisaxes interiores, onde a muller estoupa desde parámetros universais da (in)condición feminina. E retranca, ás veces, sarcasmo, e puntadas surreais. Das autoras, todas ben enriba, saliento dous nomes: Simona Racková, quen me enguedellou desde esa entrada en materia sylviaplathiana, porque dá chicotazos moi elegantes e Olga Stehlíková, a dureza do cotián ramificado. Un libro para que saibamos máis dunha poética radical. Como o frío que de alá nos vén.

Te puede interesar