La Revista

Sempre Lorca

La Revista

Rabo de nube

Sempre Lorca

Federico García Lorca, en una imagen de archivo.
photo_camera Federico García Lorca, en una imagen de archivo.
Esta nova edición de “Poeta en Nova York”, revisada e corrixida, abarca no seu contexto máis amplo o que chamamos o ciclo neoiorquino; por iso recóllense ademais todos os poemas americanos que quedaron fóra do libro final.

Terán notado como medran as edicións de Lorca, tamén as de Valle-Inclán e Unamuno, nas librerías. ¿El será por que os seus dereitos de autor deixaron de pertencer ás familias pasando ser de dominio público? Vella retesía, a dos que sosteñen que así como as casas poden ir pasando de familiar en familiar, libros ou músicas (o caso das obras de arte, xa é outra historia), chegado un momento (setenta anos, segundo a lexislación común a Europa; distinto o caso dos autores citados, mortos en 1936; mais acollidos á lei anterior, que tipificaba oitenta anos de dereitos vivos logo de que finase quen os xerara) non deberían pasar ser de todos. Mais pasan. O que produce, xa o dixen, esa eclosión lorquiana. De maneira que o leitor ten onde escoller segundo lle pete. Todo Lorca, que non é dicir pouco, para todos. E do poeta non serei moi aventureiro se digo que a súa “biblia” é o “Poeta en Nueva York”. Libro que Lorca deixara listo na táboa de José Bergamín, quen se ocupou dunha das dúas primeiras edicións de volume tan senlleiro, días antes da marcha fatídica do poeta á Granada do verán do 36. Granada, a Samarkanda de Lorca, coa morte agardando por el en Viznar. 

Esa edición, mexicana, de 1940, sería coetánea da norteamericana, traducido o libro ao inglés por Rolfe Humphries. Iso e moitas outras cousas aprendemos na belísima edición de Sial/ Pigmalión que teño diante miña. Edición, introducción e notas de Hilario Jiménez Gómez, quen nos fai o favor de manter os poemas limpísimos, sen aditamentos a pé de páxina. O aparato crítico vén á parte. 

A maquetaxe e pulido da edición, de Sial/ Pigmalión, correu da man de Basilio Rodríguez Cañada e Verónica Vilaverde, quen deron ao prelo un producto ben fermoso. No que levo días deleitándome, volvendo a poemas tan da miña opción como “Tu infancia en Mentón”, “Paisaje de la multitud que vomita” ou “Oda a Walt Whitman”. Revelación ou epifanía, esta oda, dun  poeta homosexual dirixíndose a outro da súa mesma opción (ética e estética), a demostrar o noxo que lle producían as infames caricaturas de tan nobre escolla. Lorca, amigo que fóra do noso maior novelista, Blanco-Amor, para quen se pide un Día das Letras Galegas. Polos “Seis poemas gallegos”, lástima fora. Boa idea.

Libro - Poeta en Nueva York

Editorial Sial / Pigmalión

Autor - Federico García Lorca

Precio - 19 euros