"Ás veces neva en abril", antoloxía da poeta checa Klára Goldstein

La poeta checa Klára Goldstein.
photo_camera La poeta checa Klára Goldstein.

Unha antoloxía da obra da poeta checa Klára Goldstein, unha autora diferente quen domina o español como un anxo caído en chan moravo. Benvida esta poeta que nos veu de moravia. E que ben nos veu ou vén

Desta volta da man dunha das primeiras poetas checas, Klára Goldstein  (Valašské Meziríči, 1988), quen xa aparecerá publicada en español na escolma de Elena Buixaderas, De sombra y terciopelo, Diecisiete poetas checas (1963-1988) (Vaso Roto). Neva inesperadamente en abril, ou tal sinala Klára no brillante libro, por ela traducido (domina o idioma de Pablo Neruda, obxecto de parte do seu labor, académico e literario) ao castelán. Faino dun xeito contradictorio, nese claroescuro tan característico da prosa e poesía eslavas, e é que somos, tamén, fillos do clima que paira riba nosa e se adentra nos nosos coropos. Poesía corporal, xa que logo, mais -e así ten que ser para quen se doe e goza, e volve sentir a dor da condición humana – declaradamente anímica.

Ollo, quen toca este libro anda a percibir unha vida moi vivida. Cal a dos músicos, Brahms, moi, moi alto, entre dos autores sobranceiros para esta intérprete de corno francés. É que dicir República Checa (Chequia non é senón parte dela) é falar de música; pleonasmo nidio para a patria de Mahler, Dvorák, Janáček, Novak ou Smetana. Goldstein, neste libro que recompila a súa poética de 2015 a 2022, loce as costuras ou cicactrices de quen non ten reparos en expoñelas (non hai outra maneira de entender a lírica, ben que para o caso tinguida de épica) dun xeito, polo demais, carregado dunha delicadeza que non agacha os sentimentos senón baixo da capa de xeo lacustre, que compre furar para atopar baixo da súa tona os peixes, bulidores, movedizos malia todo. Poesía, xa digo, opaca para quen esvare riba desa neve de abril cal un esquiador ou patinador pouco avisado.

Aquí hai dor e amor e esa forza do inesperado que pode ser a música de Mahler agachada nunha fraga ou o son da carraxe no Estadio Nacional de Santiago de Chile en setembro de 1973. Mentres, en Isla Negra, Pablo Neruda malvivía os derradeiros momentos dun dorido sentir. Tan garcilasiano. Tan renacentista como a poética de Klára Goldtstein, sempre a renacer, como fai abril, téñome prohibido chamarlle o mes máis cruel, despois desa neve tan inesperada. Leamos, pois, a Klára Goldstein, de quen xa víramos algún poema en galego na revista OLGA, inesperado milagre xa no seu número trece. 

Te puede interesar