CON TEXTO

Os vellos deben namorarse

leer

La tentación de ser felices, novela de Lorenzo Marone, traducida do italiano por Ana Romeral, é a historia dun vello napolitano que non soamente non se nega a selo, ¡que remedio!, se non que tenta que dita incomodidade non mude en atranco para canto desexa facer. Entre outras cousas saír con mulleres que sen deixar de ser mercearias fan tamén de enfermeiras e xerontólogas. Mais esas saídas non fan que o vello de marras esqueza o seu papel de pai compracente coa filla casada que se bota un amante (tal como el fixera, cultivar a leira do adulterio antes de mudar en viuvo) ou co fillo que anseia saír do armario, facer un “outing”, vaia. Claro que esas revelacións virán acompañadas desa que informa ao noso protagonista de que a súa dona probara tamén o froito entre doce e acedo da infidelidade (¡cinco anos!). Isto última altera un pouco a tranquilidade vellez do home deseñado por Lorenzo Marone, napolitano, xa se dixo, co que isto implica, ocupado tamén en axexar as sevicias e malos tratos que un veciño inflinxe á súa parella. Ou sexa, que o noso vello, unha delicia de personaxe, levado adiante por Marons sen pegadas de xarope ou sucre, tan características dos libros e películas con anciáns no seu interior.

Desta maneira imos vendo como Lorenzo Marone retrata o Nápoles de hoxe con pluma benhumorada, na que a crítica social non agacha un intento sanísimo de entreter a un lector definitivamente entregado. Así o meu caso. E ollo que teño unha grande prevención pola xénero que sendo sentimrental pode esvarar pola banda sentimentaliode. Mais aqui o que hai é firmeza e non autocomprancencia, mesmo ironía de andar por casa nunha novela que ten un aquel neorrealista, tanto que un podería imaxinar a Totó personificando ao vellote en cuestión na pantalla grande. E é que esta historia (co seu aquel de traxedia, igualmente) ten moito de comicidade, de sainete cando non de esperpento, sen que xamais traspase a raia tan sutil da chafullada. Novela demostrativa de cómo é factible escribir en plan non novidoso pero revirándolle o pescozo ao cisne do reseso, instruindo e deleitando. E non outra cousa pedían aqueles ilustrados. Unha novela, en fin, que se le como unha novela. E ben sei o que me digo.

Te puede interesar