CON TEXTO

Xúpiter troante

“Diálogos con  Ferlosio” é unha recompilación de 44 entrevistas e conversacións que Rafael Sánchez  Ferlosio mantivo con diferentes xornalistas e escritores de  diferentes medios de prensa ou televisión

Rafael Sánchez Ferlosio tiña, entre outras virtudes, a de ser un señor moi  alporizable mais, tamén, a de alporizar con grande facilidade ao leitor. Quer polos seus excesos discursivos (Ferlosio enguedellaba palabras “raras” con oracións subordinadas a eito), quer pola súa temática, abertamente provocativa. Eu, a verdade, poucas veces notei un proído tan irritante como lendo a este autor. Quen botou media vida dicindo barbaridades dunha novela tan espléndida como El Jarama, no seu momento -antes de que lle chegaran os premios con boa dotación económica- o seu “modus vivendi”. 

Sobre Sánchez Ferlosío comeza haber bibliografía, tamén algunha biografía “non autorizada”, o que nos permite saber máis dun home tan túzaro que non fixo senón vivir nunha fuxida permanente. Algo así como a de J. D. Salinger, senón que o seu refuxio estaba en Coria, cabeceira das Hurdes (Bergamín, outro “raro”, fora morrer a Euskadi, madrileño mudado en “abertzale” que xa son gañas). E o conto é que Ferlosio concedera, ao longo dunha vida longa, entrevistas abondo como para nos forxar unha certa idea de quen era, de onde viña, e como vivía, fobias e filias, mais visto todo a través da sua propia ollada. O resultado este libro, do máis estimulante, editado por José Lázaro (un editor interesantísimo, e tan apegado a nós que veranea en Valdoviño) quen fai neste libro, ademais dun prólogo moi apetecible, escolma das aparicións en prensa (e televisión, moi boa a entrevista que lle fai o Sánchez Dragó, outro que veraneara pola parte de Ferrol, en Neda) de tan furibindo personaxe. Quen non deixa a case ninguén a salvo. Nin sequera a un dos seus “cultivadores”, Sánchez Ferlosio é, lástima fora, un autor “de culto”, Félix de Azúa, a propósito dun artigo deste que non merecera o seu aprobado. Tampouco a Miguel Delibes, de quen di algunha barbaridade. 

Sendo asi que o vallisoletano, grande, nobre, fala tan ben del que o apéndice deste libro é o que o autor de “El Camino” escribira do de “Alfanhuí”. “Bafarada de aire puro”, segundo Delibes. E libro que o seu propio autor acabaría poñendo tamén en berlina. E é que se Sánchez Ferlosio tiña creto nos momentos de maldicir era porque el mesmo aplicaba esa medicina a el mesmo.

Te puede interesar