Altruismo, o motor dos Maios de Verín: dez colectivos elaboran as coplas

maios verín
photo_camera Coplas en Verín.

Altruismo. Esa é a palabra que define a celebración dos Maios en Verín. Este ano, dez colectivos elaboran, con fins sociais, coplas para a cita que se celebrará o domingo no parque da Alameda. 

Segundo confirmou este xoves Emilia Somoza, concelleira de Educación, Cultura e Festexos, "estes colectivos encargáronse de redactar as tradicionais coplas dos Maios". O exemplar venderase a dous euros e o diñeiro recadado coa venda de 500 exemplares destinarase ao financiamento do programa de Unicef "Emerxencia na Ucraína".

Os colexios Princesa de España, Amaro Refojo, CRA Monterrei, os Mercedarios, o María Inmaculada, Taboada Chivite, e a Asociación verinense de Amigos da Música, a Anpa do Conservatorio de música e a asociación de Mulleres Rurais "Flor da Xesta" son os colectivos que levarán a sátira, humor e ironía por Verín coas súas coplas. 

Ademais dos redactores da copla, participantes no Certame Enrique Gómez Pato, está previsto que -a parte das súas figuras dos maios- sumen un maio o centro de día Solleira de Verín. Mentres, o CRA de Monterrei e o colexio Princesa de España prevén preentar dous maios, un do alumnado máis pequeno, polo que os dez centros, asociacións, ou institucións participantes "plantarán" unha ducia de maios na Alameda de Verín.

A Praza Maior acolle unha feira solidaria

O carácter altruista tamén se amosa na organización da quinta feira solidaria, que estará en funcionamento o domingo de 10,00 a 20,00 horas. "Queremos poñer en valor o labor das asociacións sen ánimo de lucro da nosa vila", explica Somoza sobre o motivo da celebración deste evento.

Entre os obxectivos da feira atópase, segundo o Concello, proporcionar información sobre as distintas asociacións que participan no evento e os servizos que ofrecen, ademais de conseguir apoio económico para poder seguir levando a cabo os seus proxectos e actividades e a creación dun marco de cooperación común entre os seus organizadores.

Te puede interesar