O BNG reclama á Xunta unha escola infantil pública en Verín

Foto Diego Lourenzo falta facultativo consultorio Albarellos
photo_camera Diego Lourenzo no Parlamento.
Foi o deputado nacionalista o que levou a cuestión ao Parlamento de Galicia

O deputado nacionalista Diego Lourenzo presentou no Parlamento Galego unha batería de iniciativas para reclamar ao Goberno autonómico a construción dunha escola infantil pública no Concello de Verín. “É a única cabeceira de comarca ourensá que non dispón dunha instalación deste tipo”, anota o verinés. 

Diego Lourenzo resalta esta escola infantil como unha necesidade para a vila debido a escaseza de prazas -só hai unha escola infantil privada de menos de 50 prazas- que existen na actualidade. “A moitas familias non lles queda outra opción que levar aos seus fillos a outros concellos da comarca que contan con Galiña Azul ou Casa Niño, o que supón un problema de xestión de tempos e conciliación laboral pola distancia destas instalación con Verín”, remarca Lourenzo. 

O grupo nacionalista lembra no Parlamento a importancia de contar con este servizo, tanto para a atención á infancia como para facilitar a conciliación da vida laboral e persoal da cidadanía, ao tempo que facilitan a inserción no mercado de traballo. Recordaron que “entre os obxectivos que a lexislación autonómica contempla para os servizos sociais atópase o de proporcionar oportunidades e recursos que garantan a igualdade entre mulleres e homes e posibiliten a conciliación”. 

Por iso, Lourenzo pide á Xunta de Galicia que acometa a construción dunha escola infantil, un proxecto que tamén prometeron os partidos locais nas campañas para as eleccións do 28M.

Te puede interesar