MÚSICA

Bousés, dous séculos de música

BOUSES

A aldea de Bousés, en Oímbra, leva case dous séculos de historia formando músicos nesa localidade. Marta Núñez, filla e neta de integrantes, dirixe arestora a dúas decenas de cativos e algún que outro maior

Bousés foi, agora o é un chisco menos, unha das aldeas máis populosas do Concello de Oímbra, fronteiriza co veciño Portugal. Como outras moitas poboacións na raia. Pero, mantivo, e aínda mantén unha nota absolutamente distintiva a todas as demáis... A súa histórica banda de música. Calquera persoa que decida achegarse ata Bousés, mire a onde mire, atopará, abofé, a algún fillo, neto ou bisneto de músicos, feitos un a un coa sinxela transmisión dos coñecementos da métrica, melodía e armonía de xeración en xeración.

 Conta a súa actual directora, Marta Núñez, que alá polo 1830 -así aparece documentado non rexistros eclesiásticos da época- xa o consorcio musical de Bousés participou nunha romería celebrada ao carón do santuario dun próximo pobo portugués. É a primera constatación que existe da agrupación sonora que se mantivo e mantén viva, mercé ao espíritu musical que esa aldea posúe. No día de hoxe son menos os integrantes, e a maioría cativos do pobo, aínda que xa comezaron a recibir pequenos músicos doutras localidades, entre eles, os dos fillos da alcaldesa do municipio, Ana María Villarino.

A Banda está formada hoxe por 12 compoñentes e seis aprendices e as súas idades oscilan entre os catro anos do máis cativo e os 75 do máis veterano. Cinco deles son mulleres, hai oito menores de idade e catro superan os 65 anos. 

Teñen ensaios todos os fins de semana, sábados e domingos pola tarde, porque como así asegura a directora de formación, Marta Núñez, "pola semana, entre que os pais traballan e algúns nenos estudan en Verín, resulta moi complicado telos a todos". Por iso que cultivan esa afección nas horas de ocio dos sábados e domingos, so interrumpidas no verán polo calendario de actuacións que manteñen.

 Os pequechos forman cos máis vellos do lugar, o máis xove de todos eles é o pai da propia batuta, que xa conta con 69 anos. Núñez bota en falta, precisamente, ese salto xeracional que se dá entre os máis cativos e os xa adultos: "Entendo que aínda que moitos dos que pasaron por aquí aínda de cando en vez se animan a vir tocar, os seus estudos ou as súas responsabilidades laborais lles impiden seguir formando parte desta banda", lamenta. 

Marta o é todo na agrupación, non so se adica a marcar a entrada do primeiro compás en cada unha das pezas que interpretan, senón tamén que exerce de mestra de todos os instrumentos que conforman a banda: "Algo estudei no conservatorio elemental de música de Verín, pero alí non tiñan todos os instrumentos, especialiceime un pouco no clarinete pero xa dende pequena con sete anos empecei a tocas outros instrumentos, aínda que creo que a esa idade, máis que aprender música o que facías era simplemente xogar con eles".

 A formación sostense dos cartos que recibe en cada actuación, que "dan para ir pagando as viaxes, outros pequenos gastos e algunha que outra comida para os seus integrantes. Non se mercan os instrumentos porque xa os traen os rapaces que empezan, é raro que en calquera casa de Bousés non haxa algún en uso ou en desuso", apunta. Núñez lembra que, "polo que me teñen contado, esta banda viviu a súa etapa de maior esplendor alá pola década dos anos 30 do século XX, cando un militar portugués fuxido pero con amplos coñecementos musicais se fixo cargo da dirección", afirma. 

E como bo militar que era fixo formar aos seus músicos dende Bousés ata Xinzo a pé, "e dende o río ata o seguinte pobo, logo de facerlles limpar os instrumentos despois de cruzalo, foron tocando. Seguro que ese ensaio foi o que lles valeu logo para facerse co campionato da competición que alí se celebraba", relata a súa actual directora, que conclúe, moi satisfeita, non só de integrar este colectivo senón de saberse peza dun colectivo "que se mantivo como tal, con máis ou menos compoñentes, de xeito ininterrumpido dende hai case dous séculos".

Te puede interesar