MONTERREI

O Centro das Artes cobra forma en Verín

photo_camera Xesús Vázquez Abad e Juan Manuel Jiménez Morán (no centro) durante a visita ás obras.

Xesús Vázquez Abad e Juan Manuel Jiménez Morán (no centro) durante a visita ás obras.

 

A partires do vindeiro día 7 de xaneiro empezarase a colocar a pedra da fachada do novo edificio que se está construíndo para o Centro Cultural das Artes, un equipamento que está chamado a ser un elemento clave na vertebración da política cultural local e no eido da Eurocidade Chaves-Verín. Logo da explanación e limpeza e da escavación de terras, téñense posto as lousas de cimentación, executado os muros de contención e os forxados do chan da planta baixa do futuro Centro das Artes de Verín.

Así mesmo, levantáronse os piares, tanto de formigón como metálicos, da planta baixa-primeira, e os piares de formigón da primeira e segunda do aulario, e forxouse o teito da planta baixa no cubo correspondente da cafetería e ao aulario.

A todo o anterior hai que engadirlle a realización dos saneamentos e drenaxes de toda a edificación; a instalación da rede eléctrica de toma de terra; e o armado da rampla de acceso ao escenario.

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, acompañado polo alcalde de Verín, Juan Manuel Jiménez Morán, visitou onte as obras desta primeira fase na que se está a construír o auditorio, a cafetería, o espazo de administración e de aseos da futura dotación, que conta co financiamento de varias institucións: O Concello de Verín, Deputación de Ourense e a Xunta de Galicia, e supón un investimento de 3.334.884 euros, dos que 1.344.198 euros son aportados pola Consellería de Cultura; 1.260.000 por Medio Ambiente, e a Axencia Turismo de Galicia que colabora coa aportación de 200.000 euros.

Te puede interesar