A comarca de Monterrei prepara actividades de cara ao 25 de novembro

Participa o CIM, Femuro, Cruz Vermella, Portas Abertas, Solleira e a Residencia de Vilardevós

Despois dun tempo parados polo coronavirus, este ano, os diferentes axentes da comarca de Monterrei xa teñen pechada a súa programación de cara ó Día Internacional contra a Violencia de Xénero. O 25 de novembro, a Praza Maior de Verín acollerá a lectura do manifesto.

Durante todo o mes, levaranse a cabo diferentes iniciativas para visibilizar o seu impacto negativo. O Centro de Información á Muller da Mancomunidade traballa na campaña “Recicla o Machismo” e realizará o avance do seu proxecto audiovisual “Faro Violeta”. Ademais, están a realizar talleres nos centros educativos e amosarán os resultados do “estudo sobre a violencia de xénero e a mocidade”.

Pola súa parte, Femuro está sumerxida na campaña provincial “Micro ou Macro Machismo”. Tamén están realizando vídeos coas asociacións de mulleres rurais, o CEIP Amaro Refojo e o CEIP Carlos Casares -Xinzo-, ademais de actividades no CEIP Princesa de España. Para completar a súa axenda cara o 25-N, ese mesmo día farán unha “performance” sobre o machismo na Praza Maior verinesa.

A Cruz Vermella comarcal está a realizar nos centros educativos e na súa sede actividades encamiñadas ó 25-N. Tamén o centro de día Solleira de Verín traballa cos seus maiores para concienciar sobre a violencia machista, mentres que o CDR Portas Abertas implícase na campaña en redes “Adquire consciencia, nomea a violencia”. Esta proposta online consistirá en subir ás redes da entidade un cartel coa pregunta “Sabes de que tipo de violencia se trata?”, respostando no mesmo día a pregunta.

MAIORES DE VILARDEVÓS

Os maiores do centro de día e centro residencial de Vilardevós -pertencentes á rede de centros de atención ás persoas maiores da Xunta- realizarán unha actividade conxunta con Portas Abertas con motivo do 25-N. 

Nesta actividade elaborarán, o mesmo xoves, un mural co lema “Que ninguén nos corte as ás. Vilardevós a favor da eliminación da violencia contra a muller”. Esta peza comporase dunha rede de bolboretas de cor violeta que será exposta no exterior do centro.

Ademais deste obradoiro especial, o centro de día e residencial de Vilardevós -conta con 24 prazas residenciais e 20 de atención diúrna- está a realizar diversos talleres coas persoas da comunidade, co obxectivo de promover hábitos de vida saudables, prevención da dependencia e promoción dun papel activo das persoas maiores na sociedade.

Te puede interesar